O persoal de Montecelo concéntrase para denunciar os continuos colapsos de Urxencias: "Estamos desbordados"
Por Natalia Puga
Un grupo de traballadores e representantes sindicais do Hospital Montecelo concentrouse este venres ás portas do servizo de Urxencias para denunciar publicamente os "continuos colapsos" que se producen durante todo o ano neste e noutros servizos da área sanitaria, que atribúen a unha "dotación inadecuada de persoal, de material e unha xestión inadecuada de ingresos".
A concentración, convocada por PROSAGAP, Co.Bas, TSP e CIG, tivo o apoio de todas as organizacións sindicais con representación na Xunta de Persoal da área sanitaria e tamén de usuarios do centro hospitalario. Todos reclamaron solucións para Urxencias e parte dos concentrados pediron a dimisión do xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez.
Antonio Miguel Suárez Briones, médico no servizo de Urxencias de Montecelo, denunciou que "os traballadores estamos bastante desbordados pola falta de persoal" e sinalou que nos últimos tempos presentaron varios escritos na xunta de persoal e na xerencia da área sanitaria pedindo que se contratara unha persoa de enfermería por quenda, para lograr equiparar o número de profesionais de medicina e enfermería e puideran traballar por equipos. Aínda non tiveron resposta.
Segundo explicou, a pasada noite foi máis tranquila do habitual e ás tres da mañá tan só había dúas persoas pendentes de ingreso, pero o habitual é que existan situacións de colapso, e non só en épocas de inverno polo pico de gripe, senón que "en maio temos os mesmos atascos porque este servizo quedou moi pequeno" e, ademais teñen pacientes con idades cada vez máis avanzadas que consumen moitos recursos e moitos que sofren esperas longas para ser atendidos e para ingresos.
Neste senso, explicou que desde a xerencia da área sanitaria se fala de esperas de catro horas, pero "iso non se cumpre". De feito, anima a visitar o servizo calquera día e comprobar cal é a súa realidade: "persoas ingresadas en todos os sitios". Debido a esta situación, asegura que o ambiente de traballo "acaba enrarecendo moito pola sobrecarga de traballo".
Dolores Catoira, enfermeira no mesmo servizo, coincide en que están "saturados" a pesar de que aínda non chegou o pico máis grande de gripe, pois a situación de saturación dáse "todo o ano, non só en inverno".
Débese, segundo a súa opinión, a que cada ano aumenta o número de pacientes e hai moitos de idade avanzada e con moitas patoloxías e tratamentos específicos que requiren moito tempo para a súa atención. "Fáltanos persoal para iso", asegura. A isto súmalle que hai "ingresos que non teñen cama e pasan 12, 24 horas aquí" e a unha falta de persoal en todos os servizos.
Cándido Sartier, delegado sindical, fala dunha situación de "explotación do traballador" e de mala atención ao paciente, que "está abocado a pasar 12, 14, ata 24 horas nunha camilla dura como unha táboa cando hai camas pechadas" e denuncia falta de recursos humanos e de espazos para a atención aos usuarios.
Neste liña denuncia a pretensión de ter ata 13 pacientes ingresados en Urxencias atendidos só por unha auxiliar e unha enfermeira, pois considera que se trata dunha situación "indignante" e outra mostra da "sobreexplotación laboral brutal".
Relacionadas:
-
O BNG comarcal anuncia unha "ofensiva política" en defensa da sanidade pública
Por Diego Espiño |
-
O Concello de Pontevedra apoia a manifestación en defensa da sanidade pública
Por Oskar Viéitez |
-
Montecelo activa un plan de continxencias ante a gripe polas protestas do persoal
Por Redacción |
-
O persoal de Urxencias de Montecelo protestará pola sobrecarga deste servizo
Por Oskar Viéitez |