O Concello de Pontevedra apoia a manifestación en defensa da sanidade pública
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra acordou este luns en Xunta de Goberno trasladar o seu apoio á manifestación que celebrará a plataforma SOS Sanidade Pública en Santiago de Compostela o próximo 9 de febreiro para protestar contra o "desmantelamento" dos hospitais comarcais, a "deterioración da atención primaria" e a "precariedade laboral" do persoal sanitario.
A portavoz do goberno local, Carme da Silva explicou que "a Sanidade Pública de calidade e que se preste a todos os veciños por igual é a única garantía de ter unha sociedade realmente democrática e xusta".
Igualmente Da Silva animou "a todo o mundo" a participar nesta manifestación.
A pasada semana varios integrantes da plataforma SOS Sanidade Pública entregaron no rexistro municipal unha moción demandando este apoio do Concello.
O presidente da Federación Castelao e portavoz de SOS Sanidade Pública Pontevedra, Juan Loureiro, lembraba que os recortes no servizo de pediatría da área sanitaria, como noutros puntos de Galicia; a ameaza de peche do paritorio de Verín na que finalmente a Xunta de Galicia deu marcha atrás; e os desvíos de pacientes que se están facendo do sistema público ao privado "dun xeito brutal" xustifican esta manifestación.
Para aumentar a asistencia a esta manifestación, a plataforma poñerá ao dispor das persoas interesadas un servizo de autobuses.
Relacionadas:
-
O Sergas prevé a incorporación de 12 efectivos ao cadro de profesionais de Atención Primaria nesta área sanitaria
Por Redacción |
-
Poio insta a Sanidade a que mellore o servizo e constrúa un novo centro de saúde
Por Redacción |
-
O persoal de Montecelo concéntrase polos continuos colapsos de Urxencias: "Estamos desbordados"
Por Natalia Puga |
-
SOS Sanidade Pública busca o apoio dos concellos para unha gran manifestación en Santiago o 9 de febreiro
Por Redacción & Cristina Saiz |