Briallos incorpora unha feira de artesanía á tradicional romaría de San Blas
Por Redacción
A parroquia de Briallos, en Portas, volverá celebrar este ano a tradicional romaría na honra de San Blas e, como novidade, a festa non se cinguirá a propio día da festividade, o 3 de febreiro, senón que haberá un segundo día de festa, o sábado 8 de febreiro.
Como manda a tradición, bendiranse as gargantas dos fieis con aceite en todas as misas e poderanse adquirir os "cornechos" (pan de san Blas) e o aceite bendicido durante os dous días festivos.
A novena xa empezará días antes, este sábado 25 de febreiro, e celebrarase a diario ás 19.00 horas na igrexa parroquial de Briallos ata o domingo 2.
Ao día seguinte, o luns 3, a xornada empezará cunha gran tirada de fogos de artificio e a actuación do grupo de gaitas ' Encantiños do Umia' pola mañá. Ademais, haberá ás 10.00 e as 11.00 horas misas rezadas.
Xa pola tarde, actuará o grupo de gaitas 'Maquía' de Godos e haberá misa ás 18.00 e as 19.00 horas, esta última cantada. Ademais, está prevista unha procesión nocturna de candeas na honra de San Blas e, para acabar o día, hai organizada unha gran chocolatada amenizada polo grupo de gaitas ' Maquía'.
O sábado día 8 a xornada tamén empezará cunha gran tirada de fogos de artificio e durante todo o día actuará pola localidade a banda de gaitas Domingo Fontán de Portas.
A vertente relixiosa da celebración incluirá misas rezadas ás 11.00 e as 18.00 horas e unha misa cantada ás 12.30 horas cunha posterior procesión en honra a San Blas. Ao seu termo, haberá sesión vermut acompañada da banda de gaitas Domingo Fontán e celebrarase tamén o sorteo dun cordeiro.
No apartado máis lúdico, entre as 10.00 e as 19.00 horas celebrarase a primeira edición da Feira de artesanía e produtos artesanais. Será na subida á igrexa de Briallos e haberá unha pulpeira durante todo o día.
Xa pola tarde, a partir das 19.30 horas haberá unha verbena a cargo dos dúos Estrella de Vilalba (coñecido como Recanteiros no programa Lúar da TVG) e Chic de Vilagarcía de Arousa nunha carpa instalada á beira da igrexa de Briallos.
Para acabar o día, haberá de novo outra chocolatada e tamén queimada gratuíta para todos os asistentes.