Poio pide á Xunta unha nova rotonda no núcleo de Combarro
Por Redacción
Seis alegacións presentará o Concello de Poio ao proxecto de mellora da estrada PO-308, entre Fontenla (San Xoán) e Combarro, no que está a traballar a Axencia Galega de Infraestruturas.
Todas elas, que parten dos estudos dos técnicos municipais e foron consensuadas cos veciños e veciñas afectadas, foron aprobadas por unanimidade na comisión de Urbanismo.
Deste xeito, o Concello entende que é preciso habilitar unha rotonda no núcleo de Combarro, concretamente na intersección coa rúa Almirante Regalado e o Camiño Real.
Poio entende que o deseño actual é "claramente insuficiente", configurando un dos puntos máis conflitivos de toda a PO-308, complicado pola gran cantidade de peóns que conflúen nesta contorna e con "grave perigo" para a súa integridade.
Esta alegación propón que sexa neste punto onde se habilite unha rotonda e non onde figura no proxecto inicial, que a empraza na zona de A Seca, á altura dos accesos a Casalvito e Camiño Casás, unha medida que os técnicos municipais como os veciños consideran "innecesaria".
Esta rotonda permitiría resolver, di o Concello, a "difícil e perigosa" incorporación á PO-308.
Outra alegación baséase na necesidade de aumentar o número de pasos para peóns, especialmente nas inmediacións da Seca, no cruce do IES e no cruce de Casalvito.
Na comisión de Urbanismo tamén se votou favorablemente á ampliación do tramo de beirarrúa entre a rotonda que dá acceso á variante norte, á altura do Asador O Remo, e o cruce entre o Camiño do Outeiro e a Avenida da Seca, ao tratarse tamén doutro tramo moi frecuentado por peóns, entre os que se atopan veciños e os alumnos do IES.
A incorporación á PO-308 desde a baixada do vial do propio instituto tamén require dunha modificación xa que, segundo explica o Concello, os autobuses deben incorporarse á estrada principal en dirección a Combarro e facer o cambio de sentido na rotonda proxectada na Seca, o que obrigaría aos vehículos escolares a invadir o carril contrario.
No apartado de servizos, a administración municipal propón aproveitar a execución da obra para realizar, de xeito coordinado, a mellora de diferentes prestacións.