A Xunta rexeita a petición de Poio de colocar pivotes na estrada PO-308
Por Redacción
A Xunta de Galicia rexeita a solicitude da Concellería de Seguridade Cidadá de Poio para a colocación de pivotes para a protección dos peóns na estrada PO-308.
A solicitude do Concello de Poio facíase eco das queixas da veciñanza da zona da Costa de Combarro para poñer fin ao estacionamento de vehículos nesa zona, dado que a situación actual dificulta a saída dos residentes do lugar.
A Policía Local comprobou o prexuízo que provocan os vehículos estacionados, pois dificultan as saídas das vivendas e tamén provocan inseguridade aos peóns, dado que teñen que invadir a calzada para poder saír do lugar.
Esta mesma semana o Concello de Poio recibiu contestación da Xunta á solicitude remitida, na que se incluía un informe da Policía Local solicitando a mellora da seguridade viaria existente na avenida da Costa coa colocación de pivotes de protección dos peóns.
Ademais de denegar a colocación de pivotes, a Xunta insta á Policía Local a sancionar seguindo a norma de tráfico. O Concello lembra que recoñece as normas de tráfico, pois é evidente que non se pode estacionar nesa zona, pero lembra que iso non garante a seguridade dos peóns.
"A Xunta pretende solucionar unha cuestión de seguridade viaria a base de sancións que non van garantir nin a seguridade nin a mellora da zona", critica o Concello.
Desde o Concello tamén lembran que a situación da seguridade viaria na PO-308 é deficiente e precisa actuacións inmediatas por parte da Xunta e anuncian que, "dada a pasividade" da Administración autonómica, emitirá un novo informe alertando da perigosidade da zona.
O Concello esixe que se executen xa as obras necesarias para evitar a alta perigosidade da estrada de titularidade autonómica.