Ferido un ciclista nun atropelo en Poio
Por Oskar Viéitez
Un ciclista, de 34 anos de idade, resultou ferido nun accidente rexistrado este sábado pouco antes das oito da mañá na estrada PO-308 ao seu paso por Poio, no cruce cara a Liñares situado na costa de Albar.
A Policía Local de Poio informou que foi "unha embestida entre un turismo e un ciclista".
Segundo indicou o colectivo Pedaladas este ciclista adoptara todas as medidas de seguridade necesarias "levaba todos os elementos de uso obrigatorio e mesmo os de uso voluntario en vías urbanas".
O colectivo ciclista leva tempo solicitando á Xunta de Galicia que actúe en toda a PO-308 "e adapte esta vía ao que realmente é, unha vía urbana en case a súa totalidade entre Pontevedra e Sanxenxo". Para esta asociación este accidente "demostra o perigo de manter infraestruturas non adaptadas á circulación de bicicletas en ámbito urbano".
"Non podemos esperar a ter outro morto pola inacción da administración" e engade Pedaladas "as administracións están a xogar ao bingo connosco por intereses políticos. A vida prima sobre calquera outra consideración".