O Concello solicita á Deputación a canalización dunhas cunetas en dúas estradas provinciais
Por Redacción
A Concellaría de Medio Rural volveu solicitar esta semana á Deputación de Pontevedra a actuación en dous viarios provinciais para executar a canalización de augas pluviais nas marxes das mesmas, que agora mesmo contan cun importante desnivel sobre a altitude da calzada.
Concretamente, o Concello sinala que existe este problema en dous lugares: nun tramo da estrada EP-1202, entre a entrada do Cemiterio do Campo e a baixada á Igrexa, entre os puntos quilométricos 1+600 e 1+720. E tamén nun tramo da estrada EP-1201 (Marín-Penizas), ao seu paso polo lugar de Castro, entre os puntos quilométricos 3+000 e 3+540.
En ambos casos, solicítase a colocación dun colector de 40 centímetros cunha cuneta practicable pola súa parte superior.
MURO DERRUBADO
Por outra banda, o Concello iniciou a reparación do muro derrubado na Finca de Briz na noite do mércores ao xoves.
Aínda están a esclarecerse as causas do derrubamento, aínda que todo apunta a un desgaste da estructura debido aos golpes sufridos neste punto do muro, que serve de perímetro para unha curva moi pechada. As condicións meteorolóxicas dos últimos días tamén axudaron a desestabilizar o muro, que volverá estar listo en poucos días.