A Deputación iniciará "de xeito inmediato" as obras na estrada entre Marín e Penizas
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra xa ten redactada desde o pasado decembro a memoria para a mellora da drenaxe na estrada provincial 1201 entre Marín e Penizas, ao seu paso polo lugar de Castro.
De feito, a actuación xa está en trámite de contratación e as obras, valoradas en preto de 50.000 euros, serán adxudicadas proximamente para poder acometer de xeito inmediato a canalización de augas pluviais nas marxes da estrada provincial.
A través deste proxecto vanse canalizar as augas pluviais no tramo da estrada provincial entre A Brea e A Porteliña. A actuación vaise executar cun colector e cuneta practicable pola súa parte superior nas marxes da vía.
Ata o momento, a institución provincial tiña xa actuado na EP 1201 construíndo cunetas de seguridade e procedendo á limpeza das súas marxes. A través desta iniciativa, que se contratará "de xeito inmediato", vaise continuar o iniciado nesta estrada co obxectivo de incrementar así a súa seguranza viaria.
O deputado de infraestruturas, Gregorio Agís, lembrou que o "esforzo" que está a facer a Deputación de Pontevedra na rede das estradas provinciais "é o máis importante que se fixo nos últimos anos, para seguir a paliar o abandono dos anteriores gobernos do Partido Popular".
Agis recordou que no Concello de Marín o goberno de Carmela Silva leva destinados máis de 7,1 millóns de euros, o maior investimento neste municipio na historia da Deputación de Pontevedra.