O BNG vai queixarse no pleno do tratamento que a TVG fai sobre a cidade de Pontevedra
Por Redacción
Camiño de que se cumpran tres anos da supresión da delegación da Televisión en Galicia en Pontevedra, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego levará ao pleno do próximo martes 23 unha moción de urxencia con motivo da indignación que lle produce o tratamento que a cidade de Pontevedra recibe nos espazos informativos da TVG. Segundo manifestou o voceiro municipal, Raimundo González, móstranse molestos tanto pola escasa cobertura dos temas municipais coma polo tratamento que se realiza nas informacións emitidas.
Ademais deste tema, no pleno trataranse as observacións á variante de Alba, a determinación da porcentaxe de reservas de protección pública en Campolongo, tres mocións do Partido Popular reclamando a manifestación en contra do terrorismo e a exención do IBI á Universidade de Vigo e outra na que solicitan a publicación na web municipal do listado de empresas e persoas físicas que tributaron máis de 300.000 ao Concello. Unha cuestión que o concelleiro de Facenda, Raimundo González, o atribuíu a que "eles están metidos nunha cloaca e queren expandir a cloaca da financiamento irregular".
Ademais, na orde do día tamén se inclúe a dación de contas da sentenza do xulgado sobre as exclusivas que presentara o Partido Popular e o informe trimestral do pagamento a provedores por parte do Concello.
Neste sentido, Raimundo González sinalou que o Concello de Pontevedra tarda 24,59 días no pagamento a provedores, segundo o último informe trimestral e aplicando o método de cálculo máis restritivo. Pagáronse facturas en gastos corrente e investimentos por unha contía de 8.308.000 euros.
" Son resultados espectaculares", segundo González. "trátase de menos do prazo que establece a lei (situado en 30 días) ". Pagáronse 1.200 facturas; 1.036 dentro de prazo e 172 fóra de prazo. As que se pagan por fóra de prazo, segundo o concelleiro, débese a diversas razóns como débedas dos provedores coa Axencia Tributaria ou atraso nalgún servizo. "O Concello de Pontevedra paga e non temos ningunha factura pendente dentro do terceiro plan de pago a provedores. E paga en aproximadamente 18 días" indicou Raimundo González.