Dous anos sen CRTVG en Pontevedra
Por Redacción
O 30 de novembro de 2010 foi o último día en que se emitiron informacións dende a Delegación da CRTVG de Pontevedra. Aquel mediodía, a empresa pública decidía pechar, por sorpresa e de xeito inmediato, a Delegación que estaba situada na Avenida de Santa María na que traballaban 25 empregados entre técnicos e redactores. 12 deles foron despedidos e os outros 13 foron obrigados a trasladarse a Vigo para traballar na Delegación da cidade olívica.
Ao mesmo tempo, a dirección da CRTVG ordenaba tamén o peche das delegacións de Ferrol, Burela, Bruxelas e Porto. En total foron despedidos durante aquela xornada 48 traballadores en toda Galicia.
Nos días posteriores ao peche realizáronse concentracións e actos de solidariedade cos traballadores por parte de políticos, federacións veciñais, empresas e sindicatos pontevedreses. E a pesar dalgunhas promesas políticas, a Delegación de Pontevedra nunca volveu abrirse nin existe intención ningunha por parte da dirección da CRTVG de reabrir ese centro de traballo.
Ademais, os Delegados de Pontevedra, Vigo e Lugo foron expedientados por defender e testificar nos xuízos a favor dos traballadores despedidos.
Co peche desta Delegación, Pontevedra é a única capital de provincia galega sen sede da CRTVG. Nos últimos dous anos, a cantidade de noticias procedentes de Pontevedra, Caldas e O Salnés descendeu en máis dun 70% nos espazos informativos da empresa pública.