O Arcebispado confirma a súa intención de pechar ao tráfico unha parte do atrio da capela de San Mauro
Por Manu Otero
Os veciños de San Mauro contrarios ao peche do aparcamento do atrio da capela teñen motivos para estar preocupados. O Arcebispado confirma a súa intención de cortar ao tráfico unha parte do atrio co obxectivo de protexer o restaurado cruceiro dos repetidos golpes recibidos polos coches, o último acabou coa escultura derrubada. Desde a Arquidiocese compostelá xustifican esta actuación en base ás recomendacións da Dirección Xeral de Patrimonio nas que aconsellaban "o peche ao tráfico da praza onde está o cruceiro a través dunha barreira perimetral con bolardos de granito co fin de evitar a entrada de vehículos á devandita praza".
Na protección da escultura están de acordo todos os implicados. A solución que propoñen os residentes na zona é só o peche do perímetro do cruceiro a través de lousas de granito ou elevándoo sobre unha peana que sirva tamén como banco e punto de reunión veciñal. Tamén suxiren o traslado do mesmo á súa localización orixinal, nun lateral da capela. As posibilidades son variadas, pero ao que non están dispostos é ao peche do saída máis afastada do cementerio nin á perda de aparcamentos. "Polo outro acceso non se pode saír, non hai visibilidade e non é seguro", argumentan os afectados.
Cuestionados por PontevedraViva sobre o proxecto de actuación no atrio da capela de San Mauro, o Arcebispado de Santiago, titular dos terreos, apóiase no ditame da subcomisión de conservación do patrimonio artístico, histórico e documental da Igrexa católica en Galicia (órgano asesora da Consellería de Cultura) que considerou "adecuada a solución proposta de limitar o acceso de vehículos ao atrio" no pasado mes de outubro.
O obxectivo desta actuación é corrixir a "situación tan exposta" que ten o cruceiro e o "perigo que supón o constante tráfico de vehículos ao seu redor, que levou a que sufrise varios golpes ao longo dos anos". Lembran ademais desde o Arcebispado que o cruceiro de San mauro está declarado como Ben de Interese Cultural, polo que a súa protección é obrigatoria.
Esta determinación do órgano eclesiástico non acougará os ánimos dos veciños, que seguirán loitando por defender a libre circulación de vehículos por esta praza, na que se atopan dúas casas de máis de cen anos de antigüidade, unha delas quedaría illada polo peche de granito que pretenden instalar.
Doutra banda, dubidan os veciños que a Igrexa sexa a propietaria dos terreos, posto que o chan no que se edificou a capela foi cedido por unha familia desta localidade entre os séculos XIX e XX. Con esta premisa, os afectados tratarán de impedir que a Iglesia promova este tipo de obras na contorna do templo.