Campo Lameiro adecenta os hórreos do núcleo de Parada
Por Redacción
O Concello de Campo Lameiro adecentou os hórreos do núcleo de Parada grazas a unha subvención para mellora de infraestruturas turísticas concedida pola Consellería de Cultura de case 14.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou este xoves a execución das obras en compaña do alcalde da localidade, Carlos Costa.
Grazas á liña de axudas o concello de Campo Lameiro puido levar a acabo o adecentamento do entorno do conxunto de hórreos e de humanización do acceso ao núcleo urbano, cun investimento global de 21.504 euros dos cales 13.977 corresponderon a aportación da Xunta de Galicia.
O conxunto de hórreos do núcleo de Parada denomínase "eirado das cabanas", e está situado nunha orografía bastante accidentada respecto aos camiños públicos máis próximos.
A Lama, Bueu, Cerdedo-Cotobade, Marín e Poio foron outros dos concellos beneficiados con estas axudas.
Os hórreos presentaban bo estado de conservación, aínda que non así o espazo físico onde se asentan, cunha accesibilidade complicada. A intervención realizada foi respectuosa e homoxénea en relación ao conxunto arquitectónico que conta tamén cunha capela e un lavadoiro público.
As obras consistiron na demolición da construción auxiliar asentada no camiño público e do peche de malla de galiñeiro sobre o muro de pedra, a supresión de barreiras arquitectónicas, a instalación de bancos e dun sendeiro para o goce da área, e o ensanche dun tramo do camiño de acceso que supuxo ter que desprazar lixeiramente o hórreo máis externo.