Deixa de fumar en 2020 cun dos cursos da Asociación Española Contra o Cancro
Por Redacción
Se entre os teus propósitos de Aninovo está deixar de fumar, a Asociación Española Contra o Cancro poderá botarche unha man. Organizou un curso de deshabituación tabáquica co obxectivo de facilitar aos fumadores o proceso de abandono do tabaco.
Este programa para deixar de fumar, segundo a asociación, ten unha taxa de éxito do 60% e se desenvolve ao longo de sete sesións de hora e media, repartidas en sete semanas e dirixidas por un psicólogo da asociación.
Durante este tempo, os usuarios reciben diferentes ferramentas e técnicas que favorecen a redución gradual do consumo de cigarros ata deixalo completamente, diminúen a probabilidade de recaída e permiten a adopción de hábitos saudables.
A data de inicio establécese despois de pechar a lista definitiva de participantes, que son seleccionados a través de entrevistas individuais.
O curso é gratuíto, pero esíxese un depósito de 60 euros aos participantes que se devolverá ao finalizar se se asiste a todas as sesións. Por cada falta non xustificada retíranse seis euros, ata un máximo de tres faltas, a partir da cal se perde o depósito total.
As persoas interesadas poden anotarse ata o venres 24 de xaneiro no teléfono 986 86 52 20, no correo electrónico pontevedra@aecc.es ou na sede da asociación, na rúa Augusto González Bicada 9.
Actualmente, o tabaco é un dos maiores problemas de saúde pública. O cancro máis relacionado co tabaco é o de pulmón, pero hai ao redor de quince distintos tipos de tumores relacionados con este consumo, como o cancro de larinxe, orofarinxe, vejiga, boca, esófago, fígado e vías biliares e estómago, entre outros.
En 2019 detectáronse en España 27.939 novos casos de cancro de pulmón, dos cales 1.937 foron en Galicia e 618 en Pontevedra, segundo os datos da AECC.