Cerdedo-Cotobade promove a educación en igualdade agasallando un conto dos Bolechas
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de agasallar a comunidade escolar cun libro dos Bolechas. Trátase dunha iniciativa de promoción e fomento da educación en igualdade, enmarcada no programa municipal desta área desenvolvido polo departamento de Servizos Sociais.
Con este motivo, o alcalde, Jorge Cubela, achegouse ata os colexios públicos de Carballedo e Tenorio para repartir os exemplares entre todo o alumnado e explicarlles a importancia do valor fundamental da igualdade.
"Para que a nosa sociedade sexa cada máis xusta e de progreso debemos traballar en moitos espazos e de xeito transversal, pero é moi importante sementar nos cativos o valor fundamental da igualdade e da equidade de xénero e deixarlles claro que a violencia machista é inadmisible. Cremos que os nenos son imprescindibles nestes avances, xa que son o futuro do noso concello e da sociedade en xeral", declarou Cubela.
O alcalde explicou que o goberno local está a desenvolver numerosas iniciativas ao longo de todo o ano para o fomento da igualdade e a erradicación da violencia de xénero, que teñen como eixos as simbólicas datas do 8 de marzo e do 25 de novembro, e moitas delas oriéntanse á cativada.
Nesta ocasión, engadiu, "decidimos facer algo máis lúdico e que lles sexa máis cercano para que absorban mellor os conceptos e creo que a elección dos Bolechas, polo entusiasmo que espertou entre eles xa nun primeiro momento, foi máis que acertada".