Castañeiro, música e a retranca de Lores dan por inaugurada a reformada rúa Gorgullón
Por Redacción & Diego Torrado
Castañeiro, boliños preñados, viño tinto, auga e música. Pouco máis se lle pode pedir a unha festa e a deste domingo foino por todo o alto na rúa Gorgullón. Varios centos de veciños achegáronse ata a intersección coa rúa do Muiño para acudir ao acto de inauguración formal das obras de reforma integral realizadas durante os últimos 14 meses, desde outubro de 2018, e de posta en marcha da nova iluminación do Camiño de Santiago, que pasa por esta vía.
Como mestre de cerimonias actuou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que pouco despois das seis da tarde subiu a un pequeno escenario no que durante a hora anterior soara música en directo e, acompañado polos concelleiros Demetrio Gómez e Anabel Gulías, reivindicou a importancia desta obra e fixo uso da súa retranca habitual para mesmo dirixir unha pulla ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o seu alumeado de Nadal.
A nova iluminación do Camiño ao seu paso polo Gorgullón está formada por 9.000 puntos led de cor lavanda e Lores presumiu de que son "luces led que van quedar aquí e non como outros, que poñen luces efimeras e o resto do ano tiran de bombillas", unha alusión que fixo rir a boa parte do público, entre outros, aos concelleiros do PP presentes no acto.
Co remate desta reforma e a obra que está en marcha para a mellora da ponte do Burgo, Lores defende que a práctica totalidade do paso do Camiño Portugués pola cidade é por zonas de "alta calidade urbana", que mellora a experiencia dos peregrinos cada vez máis numerosos que elixen esta ruta xacobea a Santiago. Segundo os datos recollidos no seu discurso, calcúlanse que este ano serán 90.000.
Ante varios centos de veciños, sostivo que esta obra se fixo "pensando nas persoas" e como parte do obxectivo municipal de "incorporar aos barrios a calidade urbana" que xa hai na zona do centro da cidade. Defendeu tamén que esta obra vai contribuír á activación económica desta zona e lembrou que na rúa hai xa dous albergues para peregrinos, un deles aberto durante o tempo que se realizou esta obra.
A obra está cofinanciada por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e supuxo a creación de plataforma única con tránsito restrinxido a veciñanza, a peonalización da rúa do Muíño -que salva a anterior pendente con escaleiras-, a renovación de alumeado, ampliación da rede de auga potable, execución da separativa de augas pluviais e fecais, instalación dunha rede eléctrica nova e sinalización do Camiño de Santiago cunha cor e pavimento diferenciados entre calzada e beirarrúas e luces led no chan semellantes ao centro histórico. Ademais, creouse unha pantalla vexetal para agochar as traseiras dos edificios e gañar en calidade urbana.
Relacionadas:
-
Importante reorganización do tráfico no Gorgullón para reducir o tránsito de vehículos pola zona peonil
Por Natalia Puga |
-
2019, un ano revolucionario nas infraestruturas da cidade
Por Alejandro Espiño |
-
A reforma do Gorgullón inaugúrase este domingo 1 de decembro con nova iluminación
Por Redacción |
-
Puntos LED de cor azul iluminarán o Camiño Portugués polo Gorgullón
Por Redacción |
-
O incremento de peregrinos fai crecer a oferta hostaleira de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A reforma do Gorgullón unirá a rúa coa futura praza da estación
Por Alejandro Espiño |
-
Comezan as obras para reformar por completo a Rúa do Gorgullón
Por Diego Espiño |