Concello e Xunta pactan dúas liñas circulares de transporte público en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
As discrepancias entre o Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia chegan á súa fin. Tras anos de tira e afrouxa, ambas as dúas administracións chegaron a un acordo polo transporte urbano. "É un bo acordo para todos", explicou o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez.
A falta de pechar uns flocos, ambas as partes acordaron a posta en marcha de dúas liñas circulares que percorrerán Pontevedra de maneira ininterrompida desde as sete da mañá. Son as coñecidas inicialmente como "liña azul" e "liña verde".
A "liña azul" partirá da rotonda entre Manuel do Palacio e Rosalía de Castro e, tras pasar por Campolongo, a Praza de Galicia, a estación de autobuses ou os novos xulgados, entre outras paradas, chegará ata Montecelo e dará volta en Monte Porreiro. Ao seu retorno prevé pasar ademais por Loureiro Crespo ou o Hospital Provincial.
Pola súa banda, a "liña verde" arrancará da estación de autobuses. A continuación, os autobuses pasarán, entre outros lugares, polo Doce de novembro, José Malvar ou Beiramar e atravesará O Burgo ata Lérez e Monte Porreiro. A volta inclúe pasos pola Xunqueira, Barcelos, San Antoniño ou Eduardo Pondal antes de regresar de novo á estación.
Demetrio Gómez explicou que con estes trazados búscase dar servizo a Monte Porreiro "coa mesma frecuencia" que na actualidade, un autobús cada quince minutos, e ademais dar servizo aos principais centros de actividade da cidade, entre eles o hospital Montecelo.
O percorrido de cada liña, nos seus dous extremos máis afastados, é un traxecto de media hora, segundo o edil de Mobilidade, que sinalou que as tarifas serán reguladas por un convenio que ambas as administracións asinarán "máis adiante". Quedan por definir, recoñeceu, as paradas que fará cada liña nos seus traxectos por Pontevedra.
O responsable da mobilidade municipal explicou que o deseño do autobús urbano de Pontevedra está "axustado" ás características do modelo de cidade e, a este respecto, asegurou que un dos criterios aplicados foi manter a circulación dos autobuses fóra da "améndoa central" da Boa Vila.
O Concello asumirá, por tanto, o déficit económico que xere a explotación destas dúas liñas de transporte, unha cantidade que será "moi inferior" á que deben pagar por este servizo outras grandes cidades galegas.
A maiores destas dúas liñas, que integrarán as catro existentes actualmente a Monte Porreiro e Montecelo, haberá outros autobuses de carácter interurbano que crucen Pontevedra, entre elas as liñas que chegan de Marín, Sanxenxo e O Grove ou da parte interior da provincia e que, segundo Demetrio Gómez, dependerán da administración autonómica.
O goberno municipal, con todo, adianta que o acordo alcanzado coa Xunta prevé que os cidadáns que suban a un destes autobuses dentro do termo municipal de Pontevedra gocen das mesmas vantaxes que os usuarios do transporte urbano.
O deseño destas liñas interurbanas, nas que están a traballar os técnicos da Xunta de Galicia, coñeceranse nas próximas semanas e poderían incluír novidades con respecto ás que están actualmente en funcionamento.
Relacionadas:
-
O PP pide contratar un estudo independente sobre o tráfico e o aparcamento en Pontevedra
Por Redacción |
-
O transporte urbano de Pontevedra queda "moi lonxe", segundo o PP, de cidades similares
Por Redacción |
-
A reformulación das liñas de transporte público, á espera da adxudicación por parte da Xunta
Por Redacción |
-
A Xunta e o Concello desbloquean relacións sobre o transporte público e acordan impulsar un convenio para coordinar as competencias
Por Redacción |
-
Reunión "agradable e cordial" entre Feijóo e Lores para analizar "minuto e resultado" dos compromisos da Xunta
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |