Os policías locais de Sanxenxo pídenlle ao Concello "menos discriminación e máis negociación"
Por Redacción
Menos discriminación e máis negociación. Baixo ese lema, axentes da Policía Local de Sanxenxo, acompañados por delegados do sindicato Comisións Obreiras, protagonizaron este xoves unha manifestación polas rúas da localidade. Trátase dunha mobilización que forma parte do calendario de protestas iniciado para esixir ao goberno municipal que cumpra os seus compromisos con respecto ao persoal do corpo.
A manifestación partiu do Concello, percorreu o Paseo de Silgar e volveu ao consistorio municipal. Con ela, os axentes piden ao goberno municipal que convoque a mesa de negociación e que se cumpra a lei de coordinación da policía, especialmente no relativo ás xornadas de traballo, a equipación e os útiles de defensa. Reclaman ademais que se apliquen os compromisos alcanzados en relación ao cobro de noites, domingos e festivos.
Insisten en que os policías locais de Sanxenxo merécense un concelleiro de Seguridade Cidadá "responsable dos seus feitos e que non falte á verdade" e que se poña fin ao que entenden como "discriminación retributiva" e de condicións de traballo co resto de traballadores da administración local.
AS NEGOCIACIÿNS ESTAN ABERTAS, DI O CONCELLO
Pola súa banda, a alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, asegurou que mantén aberta, "coma sempre", a liña de diálogo cos traballadores da Policía Local, á vez que recordou que o concelleiro de Seguridade Cidadá mantivo con representantes deste corpo ata cinco reunións previas á celebración da Mesa de Negociación convocada con anterioridad á aprobación do orzamento de persoal para este ano.
"Dende o Concello de Sanxenxo vimos dando resposta as súas reivindicacións pero neste intre hai demandas que non corresponden ao Goberno senón a Xefatura do servizo e outras como, a petición de que lles dotemos de chalecos antibalas, que non imos a atender", comentou a rexedora.
Á súa vez, desde o Executivo local incidiron no feito de que os integrantes da Policía Local son os únicos dos máis de 200 empregados municipais que teñen contemplado no orzamento 2013 un incremento salarial "mentres o resto da plantilla está a facer un exercicio de responsabilidade conscientes do momento que atravesan ás administracións e de que contan cun posto de traballo fixo".