O Concello de Sanxenxo estimará a alegación dos sindicatos sobre o plus de nocturnidade da Policía Local
Por Redacción
O Goberno sanxenxino levará á sesión ordinaria do Pleno da Corporación, que se celebrará o luns, a proposta de aprobación definitiva do Presuposto Xeral para o ano 2013 unha vez que desestimou a maior parte das alegacións sindicais presentadas en materia de persoal. O Executivo municipal tan só modificou a proposta inicial relativa á modulación do complemento específico da Policía Local, aumentando un 30 por cento o número de noites a remunerar neste concepto.
Debido á obrigatoriedade de suprimir as gratificacións extraordinarias por nocturnidade de acordo ao Plan de Axuste, o equipo de Goberno promovera un expediente motivado de cara a que o Corpo policial puidese percibir este incentivo, variando para iso o complemento específico destes funcionarios. O Executivo achou a media de noites traballadas nos últimos anos e incluíu nas contas para este exercicio a contía correspondente a 52 xornadas.
Non obstante, na reunión mantida pola alcaldesa, Catalina González, e o edil de Personal, Salvador Durán, os axentes integrantes da plataforma que reivindica melloras de diversa índole para este departamento puxeron sobre a mesa outras cuestións a ter en conta á hora de realizar o cálculo referente á nocturnidade.
Como froito destas conversacións, o Goberno acordou considerar 67,6 noites de media por ano e axente, que sumará un importe bruto anual de 1.605,5 euros, o que supoñerá 114,68 euros ao mes a multiplicar por catorce pagas.
Trátase, pois, da única demanda formulada nas alegacións que foi aceptada polo Executivo, quen insistiu na imposibilidade por lei de aboar horas extras, gratificacións e incentivos. Por iso, a compensación correspondente ás quendas de noite realizadas en 2012 só poderá ser a través de tempo de descanso.
Sobre a reclamación dos sindicatos relativa ao complemento de destino, o Executivo local recordou que todo o persoal o ten asignado e que se encontra dentro dos niveis máximos e mínimos que se determinan no Real Decreto 158/1996, do 2 de febreiro. Á súa vez, no presuposto 2013 non se detectan diferenzas nos conceptos retributivos xa que existe un acordo de equiparación entre persoal laboral e funcionario.
Dende o Goberno insistiron tamén que, tal e como ratificou a Concellaría de Economía, a contía asignada este ano para gasto corrente da Policía Local se mantén nas mesmas cotas que en 2012.
O concelleiro de Seguridade Cidadá e Persoal, Salvador Durán, recordou que o Executivo sanxenxino mantén aberta a liña de diálogo co persoal deste Corpo, co que concertará novas reunións para perfilar cuestións relacionadas co funcionamento interno.