A exposición Voilá la Femme e as marinenses Celeste Garrido e Isabel Carragal, Premios Lazo Violeta 2019
Por Redacción
A exposición anual Voilá la femme, do Ateneo Santa Cecilia, e as veciñas de Marín Celeste Garrido e Isabel Carragal recibirán este ano os Premios Lazo Violeta que concede o Concello con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da loita contra a violencia de xénero.
Así o deron a coñecer este venres as concelleiras Marián Sanmartín, Beatriz Rodríguez e Mónica Viqueira e a directora do CIM de Marín, Marián Sánchez, ao tempo que anunciaron a programación dos próximos días.
Voilá la Femme levará o premio pola súa labor de difusión e apoio da expresión artística de mulleres novas, artistas que comezan a súa traxectoria e que atopan nesta exposición un espazo no que ensinar a súa arte e as súas sensibilidades. Celeste Garrido, comisaria desta mostra e escultora, tamén resultará premiada pola súa implicación na defensa da muller a través do mundo da arte.
No caso de Isabel Carragal, será un recoñecemento a título póstumo. Trátase unha muller de Marín "forte e loitadora" que faleceu a causa dun cancro. Os seus familiares recollerán o premio, que se entregará o día 25, ás 13.00 horas, no salón de plenos do Concello de Marín.
Previamente, representantes do Consistorio realizarán a lectura dunha declaración institucional na que se inclúen temas como a necesidade de ampliar a consideración de vítima por violencia machista, que actualmente só é aplicable á parella ou ex parella do agresor; a inclusión da violencia sexual dentro da categoría de violencia de xénero, a preservación do anonimato con respecto aos datos das vítimas e a petición dunha maior sensibilidade por parte dos medios de comunicación nas coberturas deste tipo de crimes.
O día 25 os actos continuarán ás 20.00 horas no salón de actos do IES Illa de Tambo, coa representación da peza teatral 'O rueiro das liortas', a cargo da compañía Elegante Elefante e na que se fai un retrato da nosa sociedade, inzada de comportamentos sexistas.
Paralelamente ao acto institucional, o Concello de Marín organizou unha serie de actividades que teñen como fin sensibilizar e implicar aos centros educativos da vila. Unha caravana morada instalarase nos centros educativos para que o alumnado de Infantil e Primaria poidan visitala e recoller contos, debuxos animados e xogos cos que traballar de maneira interactiva para avanzar na súa sensibilización.
Para o alumnado da ESO, Bacharelato e cursos formativas, o Concello preparou a exposición Bravxs, ca colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e o confinanciamento da Federación Española de Municipios e Provincias. Ademais, visionarán o documental 'Debuxando o xénero', un proxecto divulgativo realizado por Gerard Coll – Planas e María Vidal.
Os cursos de cuarto da ESO e de Bacharelato realizarán o obradoiro 'Abre os ollos', unha actividade participativa impartida polo persoal do CIM, no que se procurará favorecer, utilizando material audiovisual, a comprensión dos conceptos clave en igualdade.
Relacionadas:
-
25 artistas reflexionan sobre sexo, violencia, relacións e maternidade na mostra 'Voilà la Femme'
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
O Museo acolle unha mostra colectiva sobre a muller, a identidade e o xénero
Por Redacción |
-
Marín pide a "participación activa" da veciñanza contra a violencia machista
Por Redacción |
-
Sanxenxo adica o mes de novembro á loita contra a violencia de xénero
Por Redacción |
-
Poio volverá poñerse de loito polas mulleres que sofren violencia machista
Por Redacción |
-
O CIM, "saturado" ante o incremento "importante" de casos de violencia machista
Por Alejandro Espiño |
-
Marín celebrará o Día contra a Violencia de Xénero nos centros escolares
Por Redacción |