O Encontro pola inclusión enche o Sexto Edificio do Museo
Por Redacción
O IV Encontro Provincial pola Inclusión, organizado pola Deputación de Pontevedra, encheu o salón de actos do Sexto Edificio do Museo Provincial.
Un total de 250 persoas, a maioría de eidos profesionais relacionados coa psicoloxía, a integración social e a pedagoxía, asistiron ás conferencias e participaron nas charlas que conformaron a xornada técnica, celebrada este luns. Pola súa banda, para mañá martes espérase unha afluencia similar, aínda que a segunda das xornadas se desenvolverá no Centro Príncipe Felipe.
A finalidade da iniciativa é visibilizar ás persoas con diversidade funcional, poñer o foco sobre os retos ós que teñen que facer fronte diariamente e tratar así de crear unha sociedade inclusiva e igualitaria.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, recalcou a pretensión da institución provincial de poñer en marcha propostas e iniciativas para dar crear unha sociedade xusta. "Estas xornadas pretenden poñer voz á construción deses dereitos que todas as persoas teñen que ter", sentenciou Silva.
A presidenta tamén falou da súa experiencia profesional como mestra e da necesidade de crear un sistema educativo no que a integración sexa un alicerce fundamental. Así, expuxo: "Non hai democracia e non hai futuro se as persoas non teñen os mesmos dereitos".
Precisamente, un dos eixos que se trataron nas conferencias foi o da educación. Ademais deste, a xuventude e a senectude en relación á inclusión foron os outros dous terreos nos que se moveron as citas.
Así, para seguir profundando nestas historias e no campo da integración, a segunda das Xornadas pola Inclusión terá lugar este martes 29 no Centro Príncipe Felipe e terá un compoñente lúdico e de ocio.
O programa do día tratará de poñer en valor os proxectos pola integración das persoas con diversidade funcional. Por tanto, esta xornada de convivencia contará con catro exposicións artísticas, un taller de bailoterapia e un espectáculo creado polo actor e humorista Al Guanella.