Ingresan en prisión tres dos catro galegos implicados nunha suposta rede de pederastia
Por Redacción
Tres dos catro detidos en Galicia na denominada Operación Arkángel, contra unha suposta rede de pedofilia, ingresaron xa en prisión. Así o confirmou este luns o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez. Trátase das dúas persoas arrestadas na Coruña e doutra detida en Vigo. O cuarto implicado en Galicia, un veciño de Bueu, quedou en liberdade con cargos tras prestar declaración ante o xuíz.
Samuel Juárez sinalou que estes supostos pedófilos planeaban delitos "gravísimos" contra menores. De feito, destacou que os propios investigadores sorprendéronse pola "extrema crudeza e a gran depravación" que mostraban estas catro persoas e o resto dos imputados, outros seis, en Asturias, Andalucía e Madrid. Asegura que planeaban "auténticas aberracións", en ocasións con menores da súa contorna.
Esta investigación, iniciada pola denuncia dun particular, non está pechada, aínda que non se esperan novas detencións de forma inminente. Tamén apuntou que non ten coñecemento de que haxa vítimas ou que se estea buscando a menores desaparecidos relacionados con esta investigación.
Neste sentido, fixo un chamamento a pais e menores sobre o perigo das redes sociais. "Hai que decirlles aos menores que teñan moito coidado cando se relacionan con persoas que non sepan quen son e que eviten sempre intercambiar imaxes con contido erótico a través da rede", advertiu.
UN ANO DE INVESTIGACION
A investigación desta operación contra a pornografía infantil iniciouse hai máis dun ano cando unha persoa puxo en coñecemento dos axentes que había contactado a través de Internet cun dos agora detidos, quen lle propuxo que formase parte dunha trama na que se compartía pornografía infantil e falábase de prácticas sexuais aberrantes con menores.
Os axentes lograron identificar ás persoas que participaban nestas condutas presumiblemente delituosas. Sóubose que, ademais de compartir arquivos de pornografía infantil, algúns dos detidos confesaban cometer abusos sexuais. Ata chegaron a falar de secuestrar a nenos e sometelos a prácticas sádicas.
Os indicios obtidos na investigación mostraron a intención do grupo de levar a cabo gravísimos delitos. Chegaron a falar de utilizar a menores en orxías ou sometelos a encerros en condicións infrahumanas, ou de iniciar en prácticas sexuais a nenos aos que previamente drogarían para que non puidesen recordar os abusos.
Tras analizar os contactos mantidos polos pedófilos, os investigadores souberon que as súas intencións eran, presuntamente, seleccionar ás súas vítimas entre os menores da súa contorna. Aínda que tamén barallaban a posibilidade de traelos do estranxeiro de familias marxinais. Igualmente identificouse a tres nenos españois que poderían estar en situación de risco, polo que se planificou un operativo policial para a detención dos implicados e o rexistro dos seus domicilios.