Moraña espera xuntar 3.000 comensais na XLIV edición da Festa do Carneiro ao Espeto
Por Alejandro Espiño
Moraña ultima os preparativos para a súa festa máis emblemática. A Festa do Carneito ao Espeto, declarada de interese turístico galego, chega á súa edición número 44. Faino con tres semanas cheas de eventos lúdicos, gastronómicos, musicais e deportivos que terán o seu día grande o próximo 28 de xullo coa tradicional degustación dos 'carneiros' ao espeto na carballeira de Santa Lucía.
Xa está aberto o prazo para a reserva dos lotes para o 'xantar' do 28 de xullo. O lote, suficiente para vinte comensais, está valorado en 300 euros. Inclúe un carneiro asado ao espeto de 12 a 14 quilos, unha empanada de trigo de zorza e outra de bacallau con pasas, catro moletes de pan, doce botellas de viño, doce botellas de auga mineral, unha botella de salsa para o asado, café e augardente. Poderán reservarse ata as 14:00 horas do 15 de xullo.
Será unha longa xornada festiva que concluirá cun fin de festa amenizado polas orquestas París de Noia e Manila. Poñerán o broche de ouro a unha programación musical que ten como a outra gran cita a Gran Gala Carneiro ao Espeto, que se celebrará o sábado 27 de xuño desde as 23.00 horas. Nela, ademais de Soraya, actuación adiantada por PontevedraViva, actuarán La década prodigiosa, Luís Emilio Batallán e o DJ Robert Ramirez.
Ademais da música, o deporte será outro dos grandes protagonistas da programación da XLIV Festa do Carneiro ao Espeto. Entre outras citas destacan o tradicional torneo de baloncesto 3x3, que chega á súa decimotercera edición (26 de xullo), as finais do XVII Torneo de Tenis (25 de xullo), a Festa da Bicicleta (27 de xullo) que este ano terá un enfoque relacionado coa Vuelta Ciclista a España, o campionato de natación (20 de xullo) ou a Carreira Carneiro ó Espeto, organizada polo Club de Atletismo +9 Moraña (21 de xullo).
E, por suposto, haberá oco para a gastronomía. Máis aló do 'xantar' do 28 de xullo, vólvese a celebrar o concurso 'Espétalle un pincho', un certame no que poden participar todos os hostaleiros de Moraña e que consiste en preparar pinchos orixinais que serán valorados polo xurado e degustados gratuítamente por todos aqueles que o desexen nos bares da zona. O concurso será amenizado pola actuación musical do grupo As Bruxas do Nordeste.
O resto da programación da XLIV Festa do Carneiro ao Espeto pódese consultar na páxina web do Concello de Moraña. Con ela buscan repetir o éxito alcanzado pola festa o ano pasado. Entón achegáronse á carballeira de Santa Lucía unhas 7.000 persoas e preto de 3.000 comensais. Foi a súa edición máis multitudinaria.