Investigan un veciño de Viascón por provocar catro lumes con artefactos incendiarios
Por Redacción
A Garda Civil mantén en calidade de investigado -antiga figura do imputado- un veciño de Cerdedo-Cotobade ao que atribúen catro delitos de incendio forestal por supostamente ocasionar catro lumes utilizando varios artefactos incendiarios.
Os artefactos localizados son rudimentarios de fabricación artesanal e están compostos por un cigarro rodeado de varios mistos, envoltos por unha esponxa nun caso e por unha tea no outro.
Dous dos catro episodios incendiarios que se lle atribúen foron en grao de tentativa e todos eles producíronse recentemente na parroquia Viascón, unha zona na que leva anos cunha alta actividade incendiaria. Tan só no que vai de ano van xa oito incendios forestais, todos eles provocados de forma intencionada.
Ante a elevada actividade incendiaria desta zona, creouse un equipo formado por efectivos do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra e a Brigada de Investigación de Incendios Forestais ( BIIF XIX) da Xunta de Galicia para intensificar a vixilancia na zona. Considerábase que había unha situación de risco para a masa forestal e para a vivendas e explotacións gandeiras da contorna.
Como resultado deste traballo de investigación coordinado polos dous corpos, púidose constatar a presenza de dous artefactos incendiarios nas áreas de inicio de dous dos incendios. Un deles chegou a provocar un conato que foi apagado polos propios veciños do lugar na noite do pasado 5 de setembro.
Os gardas civís e axentes da Xunta realizaron apostadeiros e vixilancias discretas e conseguiron evidencias gráficas nas que se pode identificar e relacionar a este veciño de Viascón coa aparición doutros dous artefactos das mesmas características aos xa descritos
O presunto autor foi notificado como investigado pola comisión de catro delitos de incendio forestal, dous deles en grao de tentativa. A Garda Civil destaca que, de prosperar, eses lumes suporían un grave perigo para o monte e as vivendas da zona.