Detidos dous homes en Caldas de Reis con máis dun millar de doses de cocaína
Por Redacción
Dous homes de 51 e 35 anos, ambos veciños de Ferrol, foron detidos pola Garda Civil en Caldas de Reis en posesión de 1.100 doses de cocaína preparadas para a súa venda.
Segundo informou o instituto armado, os axentes acharon a droga nun control que estaba despregado nunha das principais estradas de acceso á localidade pontevedresa.
A droga estaba oculta no interior do vehículo no que viaxaban os dous detidos.
Noutro punto de control, na comarca do Salnés, a Garda Civil detivo dous mozos de 24 e 18 anos, ambos os dous residentes en Meaño, aos que sorprenderon con 100 gramos de haxix e 50 de marihuana no seu coche.
Nos dous casos a droga intervida estaba preparada para a súa distribución e a súa venda, polo que ademais de incautarse a substancia estupefaciente foron requisados os dous coches.
Os catro arrestados, xunto coa droga e os dous vehículos intervidos, foron postos ao dispor dos xulgados de instrución de garda de Caldas de Reis e Cambados, acusados dun delito contra a saúde pública na súa modalidade de tráfico de drogas.
Con estas novas detencións, na escasa marxe de dúas semanas, a Garda Civil procedeu á detención de seis persoas, impedindo que algo máis de 3.200 doses de cocaína e outras substancias estupefacientes cheguen aos consumidores.
Relacionadas:
-
Operativo antidroga da Garda Civil con catro detidos pola súa relación co tráfico de cocaína
Por Redacción |
-
Dous veciños de Lugo, detidos en Caldas ao ser interceptados con máis de 2.000 doses de cocaína
Por Redacción |
-
A Garda Civil incáutase de droga e roupa falsificada nun control de estrada
Por Redacción |