Emaús e Solidariedade Internacional visibilizan outros modelos de consumo na Deputación
Por Redacción
Emaús é unha fundación social que se encarga de colaborar con persoas para que teñan unha vida digna ofrecéndolles traballo a través de empresas sen ánimo de lucro. Entre estas propostas laborais conta co proxecto 'Sen desperdicios', no que se reutilizan as lonas publicitarias que se empregan en campañas políticas e outros eventos para elaborar diferentes produtos con deseño moderno como bolsos, babeiros ou carteiras.
Precisamente, Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, adquiría un bolso no posto instalado no vestíbulo do edificio provincial durante este martes con motivo da Semana de Sustentabilidade e da Eficiencia Enerxética.
Neste espazo tamén se atopaba un posto de Solidariedade Internacional no que que se vendían diferentes produtos como cacao, chocolate, café ou azucre, procedentes do comercio xusto, no que se evita a explotación das persoas e elabóranse produtos naturais sen aditivos.
A presidenta provincial mostrouse satisfeita porque as mulleres son protagonistas no alzamento da bandeira a favor do planeta e reivindicou unha provincia sustentable. Carmela Silva indicou que os erros do século XX hai que resolvelos no XXI. "Non podemos seguir vivindo como ata agora", apuntou a presidenta que subliñou a necesidade de fomentar outro modelo de consumo que resulte máis beneficioso para o planeta e ao mesmo tempo para a saúde das persoas.