Tres días desta semana haberá cortes de tráfico na rúa do Rouco e en Barcelos para conectar as pluviais
Por Redacción
As obras de reforma da Rúa do Rouco entran nunha fase na que se verá afectado o tráfico rodado na contorna da praza de Barcelos durante a semana que entra.
Segundo a información facilitada polo goberno local de Pontevedra, os días 17,18 e 19 de setembro a empresa levará a cabo a conexión entre as canalizacións das augas pluviais dos dous lados da rúa. Ante esta situación é necesario restrinxir o acceso de vehículos á praza de Barcelos, agás no caso de residentes, acceso a garaxes ou vehículos que se dirixan ao estacionamento subterráneo. Ademais está previsto que se peche o acceso desde Benito Corbal ata a praza pola rúa Vasco da Ponte.
Durante estas tres xornadas, o peche da rúa está previsto desde as 09.00 horas ata as 19.30 horas. A partir dese momento, a circulación na praza e na Rúa do Rouco volverá á normalidade circulatoria.
O proxecto da obra que se acomete nesta rúa onde se atopa o colexio Barcelos contempla que se manteña o estacionamento en liña na marxe dereita para servizos e para instalar contedores de lixo. A beirarrúa terá un ancho de tres metros e no lateral esquerdo, na zona na que se atopa o centro escolar, ampliarase ata os 5 metros. A calzada será repavimentada e eliminaranse barreiras arquitectónicas, ademais de renovar as redes de pluviais e de rede de sumidoiros. Tamén se cambiará o mobiliario urbano e mellorarase a iluminación.
Relacionadas:
-
O achado duns ósos obriga a atrasar as obras da rúa Rouco
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello presionará a Fenosa para que recoloque o transformador do colexio de Barcelos
Por Oskar Viéitez |
-
As obras de reforma do Rouco obrigan a cortar a rúa durante dous días
Por Redacción |
-
A rúa Rouco, en obras
Por Redacción |