Deteñen un pontevedrés de 18 anos con outros dous arrestos en xuño por roubar e danar 20 coches nunha noite
Por Natalia Puga
Ten tan só 18 anos e xa acumula un historial delituoso que nada ten que envexar a 'cacos' que lle duplican a idade e que mantén en alerta á Policía Nacional dende hai meses. Raro é o mes en que non lle imputan un delito. A súa última detención produciuse o 27 de xuño como presunto responsable de danos e roubos en máis de 20 coches en cinco garaxes da Parda e O Gorgullón na mesma noite.
No mes de xuño foi detido o día 6 tras ser sorprendido roubando no interior dun coche e a Policía Nacional acusouno dun segundo roubo con forza cometido dez días antes. Cinco días máis tarde, o 11 de xuño, volveron arrestalo polo furto de 800 euros da caixa de caudais do interior da secretaría do Conservatorio Mayeusis e por roubar, xunto a outros tres mozos, 14 móbiles nunha tenda da operadora R da rúa Riestra.
No caso do seu útima detención, este mozo veciño de Pontevedra está acusado de varios delitos de roubo con forza no interior de vehículos que tería cometido na madrugada do 23 de xuño. Entre os días 24 e 25 presentaron denuncia na Comisaría varios propietarios de diferentes vehículos de cuxo interior subtraeran varios obxectos.
Tras fracturar a xanela dianteira dereita da maioría dos vehículos e revolver o interior, substraeron os poucos obxectos que había no interior destes, entre eles dous GPS, dúas memorias USB ou caixas con CD. Na maioría dos coches foron máis os danos que o valor dos obxectos subtraídos.
A raíz da denuncia iniciáronse as investigacións para descubrir a identidade do presunto autor dos roubos con forza. A Policía Científica levou a cabo a correspondente inspección ocular nos vehículos danados e determinou que a súa autoría era obra deste coñecido de 18 anos.
Sobre as 15.00 horas do 27 de xuño localizárono nas inmediacións da praza da Peregrina e detivérono. Tras pasar a disposición xudicial, quedou en liberdade con cargos.
Relacionadas:
-
O ladrón adolescente volve ao xulgado e queda libre por un furto e un roubo en dous coches
Por Natalia Puga |
-
Deteñen unha cuadrilla xuvenil polo roubo nunha tenda de móbiles en Riestra
Por Oskar Viéitez |
-
Sorprenden un mozo cando roubaba nun coche e acúsano doutro delito similar dez días antes
Por Redacción |