Deteñen unha cuadrilla xuvenil polo roubo nunha tenda de móbiles en Riestra
Por Oskar Viéitez
A Policía Nacional ven de deter catro mozos de 24, 21, 18 anos e o último menor de idade, veciños de Pontevedra, un deles con múltiples antecedentes policiais, como presuntos autores do roubo con forza na tenda de móbiles da operadora R, situada na rúa Riestra.
Aínda que as detencións se practicaron recentemente os feitos delituosos tiveron lugar durante a pasada Semana Santa. Segundo consta na denuncia presentada en dependencias policiais, os autores do roubo, "tras fracturar o cristal de seguridade do escaparate e a porta de acceso ao local, subtraeron un total de 14 teléfonos móbiles de diferentes marcas e modelos".
A investigación policial centrouse en comprobar os diferentes números de IMEI asociados aos modelos e marcas dos móbiles subtraídos, constatando os datos de identidade dos titulares que foron localizados polos axentes.
Así o día 11 de xuño foron identificados tres dos presuntos autores que foron detidos por un delito de roubo con forza e o día 12 de xuño foi localizado o menor implicado nos feitos que foi detido polos axentes e informado do delito que se lle imputa en presenza da súa proxenitora.
O mozo de 18 anos de idade ademais é o presunto autor do furto de 800 euros da caixa de caudais do interior da secretaría do Conservatorio Mayeusis. Ademais este mesmo rapaz foi detido con anterioridade por dous roubos con forza en interior de dous vehículos.
Os axentes interviñeron algúns dos teléfonos móbiles subtraídos que foron entregados á encargada do establecemento, xunto coa súa caixa e cargador correspondente.