Sorprenden un mozo cando roubaba nun coche e acúsano doutro delito similar dez días antes
Por Redacción
A Policía Nacional detivo un mozo de 18 anos tras ser sorprendido roubando no interior dun coche e acusouno dun segundo roubo con forza cometido dez días antes. Trátase dun veciño de Pontevedra que xa ten múltiples antecedentes policiais.
O primeiro dos delitos polos que o acusan produciuse o 25 de maio. Segundo denunciou na Comisaría o propietario dunha furgoneta, o roubo produciuse tras fracturar a xanela dianteira dereita do vehículo cando estacionado na rúa Blanco Porto. Levaron un teléfono móbil e varias pezas de vestir.
O segundo dos roubos rexistrouse 5 de xuño. A propietaria doutro vehículo estacionado na rúa Riestra sorprendeu o autor do roubo no momento de fuxir tras subtraer do interior un teléfono móbil valorado en 716 euros ademais de 450 euros en efectivo.
Ao lugar desprazouse inmediatamente unha patrulla uniformada da Comisaría, que identificou a testemuña dos feitos e solicitaron datos das características físicas do presunto autor. A raíz da denuncia iniciáronse as investigacións para descubrir a identidade do presunto autor.
Ao día seguinte, sobre as 12.30 horas, foi localizado nas inmediacións da praza de Barcelos, detido e trasladado ata a Comisaría Provincial. Posteriormente, foi a disposición xudicial e quedou en liberdade con cargos.
A raíz destes dous feitos delituosos, a Comisaría realiza unha serie de recomendacións aos cidadáns para evitar ser vítimas destes roubos no interior dos vehículos, que ás veces causan máis prexuízo polos danos cometidos para acceder ao interior, como a fractura dunha xanela, que o valor dos obxectos subtraídos.
Así, aconsellan non deixar o vehículo, se é posible, nun lugar pouco concorrido ou con pouca iluminación; non abandonar obxectos de valor á vista no automóbil; se o auto-raido é extraíble ou de portada extraíble, non debe deixarse no vehículo; non deixar nunca o coche coas chaves postas, aínda que sexa só un momento para comprar o pan ou o xornal. En canto a estacionamentos máis longos no tempo, en garaxes ou no exterior, non deben deixarse sinais no seu vehículo de que se utilizan navegadores portátiles ou dispositivos adaptados para móbiles.
Relacionadas:
-
O ladrón adolescente volve ao xulgado e queda libre por un furto e un roubo en dous coches
Por Natalia Puga |
-
Deteñen un pontevedrés de 18 anos con outros dous arrestos en xuño por roubar e danar 20 coches nunha noite
Por Natalia Puga |
-
Deteñen unha cuadrilla xuvenil polo roubo nunha tenda de móbiles en Riestra
Por Oskar Viéitez |