Unha Feira Franca tranquila e sen incidencias significativas
Por Redacción
Nun ambiente festivo e sen incidencias de consideración. Así transcorreu a vixésima edición da Feira Franca que fixo regresar a Pontevedra ao medievo por un día.
O operativo de seguridade, que se despregou entre as once da mañá e as dúas da madrugada, contou con efectivos da Policía Local, Bombeiros, Protección Civil e Cruz Vermella, entre outros.
A organización asegura que o dispositivo funcionou á perfección dadas as escasas intervencións que se tiveron que facer e a rápida resposta que se deu en todos os casos, tendo en conta a aglomeración de persoas que viviu onte o centro histórico e as súas inmediacións.
O dispositivo atendeu catorce cortes ou feridas, catorce lipotimias, cinco contusións, tres irritacións oculares, dúas hemorraxias, dous síncopes, un golpe de calor, unha agresión, unha torcedura, unha intoxicación, unha persoa con dor nas costas e un corpo estraño.
Tamén se fixeron oito traslados a centros sanitarios, seis ao Hospital Montecelo, un ao PAC da Parda e un ao Hospital Provincial.
Ademais das asistencias sanitarias tamén se localizaron tres menores extraviados que foron entregados aos seus pais, seis denuncias por venda ambulante sen autorización e tres denuncias por ruídos en locais.
PUNTO MORADO
O acompañamento a unha moza que aparcara o coche nas inmediacións do campus universitario foi, pola súa banda, a única intervención do persoal do Punto Morado, a caravana contra as violencias machistas que estivo instalada na Praza de Ourense e que contou con dúas psicólogas e cinco voluntarios
Houbo ademais un gran número de consultas sobre os casos nos que se poden solicitar os acompañamentos a mulleres, a lexislación actual en materia de violencia de xénero, o acoso telefónico ou cibernético, as diferenzas entre agresión e abuso, o tipo de condutas consideradas acoso e os teléfonos de atención existentes.
A actividade informativa e de concienciación completouse co reparto de 1.500 flyers polos locais nocturnos e comercios de Pontevedra, outros 1.000 distribuídos directamente na caravana e polo voluntariado, 1.000 adhesivos, 800 dípticos e 1.000 pulseiras.
Relacionadas:
-
A organización da Feira Franca traballa en "ideas" para ampliar a súa programación
Por Alejandro Espiño |
-
Miles de persoas gozan na praza de touros do emocionante torneo medieval
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Pontevedra revive a Idade Media cunha apoteósica Feira Franca
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
O río Lérez 'estréase' na Feira Franca
Por Redacción & Diego Torrado |