Debe ser festivo local o sábado da Feira Franca?
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
A proposta para que o sábado da Feira Franca sexa festivo local é un debate que rexorde cada ano con máis intensidade e o Goberno local non é alleo a estas peticións aínda que son moitas as circunstancias para ter en conta.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores considera que o sábado da Feira Franca é un día no que sectores como a hostalería e o comercio local "fan moito negocio" polo que abrirían igualmente aínda que fose día festivo. Ademais, apunta Fernández Lores que "non é unha cousa que dependa só de nós", en referencia ao Goberno Local.
Pola súa banda a concelleira de Festas, Carme da Silva, lembra que na Boa Vila "temos dous festivos moi consolidados" como son o Mércores de Cinza e San Bieito de Lérez "que forman parte de tradicións moi importantes".
En todo caso, o ano no que a festividade de San Benito coincida en domingo "pódese estudar facer festivo a Feira Franca", pero admite que "a Feira Franca funciona non sendo festivo".
A proposta xa foi trasladada no ano 2017 por Marea Pontevedra pero non contou co apoio do resto de agrupacións políticas que formaban parte da comisión de Cultura.