Natividad Barreiro, Antonio Alfonsín, Juan Juega e a Asociación Recreativa de Xeve, homenaxeados pola Feira Franca
Por Redacción
O Consello Aberto da Feira Franca decidiu na súa xuntanza deste mércores homenaxear, con moito do 20 aniversario da festa, ao historiador Juan Juega Puig, á Asociación Recreativa de Xeve, e a Antonio Alfonsín Alfonsín e Natividad Barreiro González.
Esta homenaxe terá lugar nun acto público o vindeiro 27 de agosto na praza de Santa María e con ela preténdese recoñecer a implicación e o esforzo de persoas particulares e de asociacións que levan participando activamente neste evento desde os inicios.
O Consello Aberto, formado por asociacións que participan directamente na festa, decidiu homenaxear ao historiador Juan Juega Puig a título póstumo (estará representado pola súa viúva, Pilar Rosales) como recoñecemento pola súa contribución, desde a disciplina da Historia, ao proxecto inicial da propia Feira Franca.
Hai que lembrar que Juan Juega Puig, falecido en 2018, era licenciado en Historia pola USC e tiña elaborado e publicado numerosos estudos históricos sobre a cidade e a súa contorna, tanto a nivel individual como colectivo. Destacan edicións como "Historia de Pontevedra", "A historia de Galicia nos seus textos" ou "El comercio marítimo de Galicia, 1525-1640", no que trataba cuestións históricas como as rutas comerciais da sal, do viño ou do peixe.
O Consello Aberto tamén decidiu homenaxear a nivel particular á parella formada por Antonio Alfonsín Alfonsín e Natividad Barreiro González pola súa especial implicación con esta cita ao longo destas dúas décadas consecutivas, como exemplo de participación activa, de defensa, identificación e complicidade cos valores da feira.
En canto ás entidades, o recoñecemento recae na Asociación Recreativa de Xeve pola súa intervención activa no tradicional desfile ao que levan contribuíndo desde os inicios, coa xa tradicional recreación do transporte e entrada do viño na cidade. Unha achega que xa se converteu nun espectáculo esperado polo público, e que se caracteriza pola combinación da realista caracterización, o colorido e a música.
Ademais de decidir as persoas e entidade homenaxeadas, na reunión de onte tamén se decidiu crear unha lista de reprodución musical específica para esta data. A lista está sendo elaborada pola Asociación Músicas Novas e incluirá pezas mediavais, pezas mozárabes e pezas contemporáneas interpretadas cun estilo medieval. Esta lista estará dispoñible nos vindeiros días na páxina web da Feira Franca para poder ser descargada e utilizada tanto pola hostalaría e entidades como por todas as persoas particulares que o desexen.
Relacionadas:
-
Homenaxe a aquelas persoas que fixeron visible a Feira Franca
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
O Lampán dos xudeos acolle este martes a homenaxe da Feira Franca aos seus creadores e impulsores
Por Redacción |
-
A inscripción para os obradoiros da Feira Franca abre o luns
Por Redacción |
-
A Feira Franca toca teito con 400 solicitudes de mesas
Por Oskar Viéitez |
-
A Feira Franca prepárase para un novo 'cheo total' en xantares e ceas
Por Redacción |