Cuntis recibe unha axuda da Xunta para contratar un técnico de orientación laboral
Por Redacción
A Consellería de Economía, Emprego e Industria ven de comunicar ao Concello de Cuntis a concesión dunha subvención de 25.000 euros para a contratación dun técnico de orientación laboral durante doce meses.
Esta iniciativa dará cobertura ás necesidades dos veciños tanto neste municipio como no de Caldas de Reis.
O alcalde cuntiense, o socialista Manuel Campos, explicou que o seu Concello ocúpase da coordinación do servizo, que se sitúa no Centro de Formación Ocupacional da Ran.
Neste caso non se trata dunha nova contratación senón do mantemento por outros doce meses da persoa que xa estaba a desempeñar esta tarefa técnica.
A resolución asinada polo director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal entrou no rexistro do Concello de Cuntis este mesmo xoves 8 de agosto.
O goberno local sempre expresou o seu interese por manter este servizo de orientación laboral que entenden fundamental, do mesmo xeito que o labor que desenvolve o Centro de Formación Ocupacional da Ran, unha institución de referencia na comarca de Ulla-Umia.
A continuidade deste servizo de orientación reforzará a axuda que vén prestando a todas as persoas desempregadas nas súas procuras de novas oportunidades no mercado laboral adecuadas á súa experiencia e formación.