Poio convoca á comisión de seguimento dos peiraos de Raxó e Covelo
Por Oskar Viéitez
O concello de Poio ven de remitir unha convocatoria a todas as asociacións e colectivos integrantes da Comisión de Seguimento dos Peiraos de Raxó e Covelo (Samieira) para celebrar unha reunión da comisión o vindeiro xoves 8 de agosto ás 20:30 horas no salón de plenos da casa consistorial.
Na reunión tratarase o estado actual no que se atopa o estado do proxecto de mellora e acondicionamento do entorno das zonas portuarias de Raxó e Covelo. Para a execución deste proxecto asinouse en 2009 un convenio entre Portos de Galicia e o Concello de Poio, cun investimento valorado en 4.200.000 euros. Transcurrida unha década, as únicas actuacións realizadas foron a pasarela de madeira no acceso ao peirao de Raxó, e a reforma da ponte do Covelo que se finalizou en 2016, dúas obras que non chegan nin ao 5% do investimento comprometido.
Na xuntanza da comisión de seguimento valorarase asemade os asuntos a trasladarlle á nova presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas Gil, a quen o Concello de Poio solicitou entrevista cando se tivo coñecemento do novo nomeamento da responsable do ente autonómico.
JOSE JUAN DURÁN
O expresidente de Portos de Galicia José Juan Durán Hermida, anunciou a súa dimisión de todas as súas responsabilidades tras ser cesado recentemente no seu posto debido á "perda de confianza política cara á miña persoa por parte do presidente Feijóo".