Un tráiler non autorizado entra no centro e queda atascado en José Millán
Por Natalia Puga
Un tráiler de grandes dimensións que non pedira autorización para circular polo centro de Pontevedra accedeu igualmente á contorna de Benito Corbal e, tras meterse pola rúa José Millán, quedou atascado sen poder seguir avanzando. Finalmente, acabou circulando varios metros marcha atrás para lograr saír e, como colofón, foi multado.
Os feitos ocorreron sobre as 11.30 horas deste mércores. O tráiler meteuse en José Millán e, ao chegar ao final da rúa, atopouse con que non podía virar cara a San Antoniño por falta de espazo. Ademais, na rúa non había opción de dar a volta ou facer algún cambio de sentido nunha vía que cabe apuntar que ten un único carril en sentido descendente.
Dado que lle resultaba imposible seguir o seu camiño e tamén dar a volta, a única opción que quedou foi percorrer toda a rúa marcha atrás ata chegar a Benito Corbal.
As manobras non xeraron ningún problema de circulación, pero si foi necesaria a mediación da Policía Local. Os axentes municipais supervisaron toda a operación e acompañárono ata Benito Corbal. A partir de aí, desviárono cara a Cobián Roffignac. Para permitir ese camiño, foi necesario que baixasen os pivotes situados na zona peonil de Benito Corbal.
Finalmente, o vehículo abandonou a cidade sen dificultade e sen causar problemas de tráfico, pero iso non lle evitou acabar multado. Os vehículos desas dimensións están obrigados a comunicar á Policía Local que queren entrar na cidade e necesitan unha autorización previa. Dado que no seu caso carecía dese permiso, foi sancionado.