Educación destaca o espírito "pioneiro" da ONCE en favor da integración do alumnado
Por Redacción
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, agradeceu este martes o traballo "pioneiro" que está a realizar a ONCE a prol da integración do alumnado con discapacidade visual, tanto no eido educativo como na súa vida cotiá, e destacou o labor que realiza o Centro de Recursos Educativos (CRE) de Pontevedra.
A responsable autonómica de Educación realizou estas valoracións con motivo da súa visita ao CRE da ONCE con motivo da realización nestas instalacións dunha serie de cursos intensivos en inglés.
Entre os asistentes a estes cursos figuran docentes e persoas novas con discapacidade visual procedentes de todo o territorio nacional e mesmo do estranxeiro (principalmente dos países do sur da UE).
Tras facer un percorrido polas instalacións deste centro formativo -que cumpriu o seu 75 aniversario o ano pasado- e coñecer de cerca os proxectos que teñen en marcha, Carmen Pomar destacou que a educación é froito do esforzo coordinado dos centros e a administración educativa, da familia, da sociedade e de institucións como a ONCE. Precisamente, desta entidade destacou que os seus responsables que "creron, hai xa moitos anos, que ter unha discapacidade non era un impedimento para facer realidade as ilusións de cada persoa".
A conselleira destacou que se marca como reto conseguir a formación integral de todo o alumnado, aproveitando todas as súas capacidades intelectuais, sociais, emocionais e éticas, pois só desta maneira as institucións educativas serán capaces de fomentar tamén os valores persoais que favorezan a xustiza social e o respecto aos demais.
Educación mantén desde hai seis anos acordos coa ONCE para prestar atención especializada a uns 400 alumnos con discapacidade visual en centros educativos de toda Galicia.
O acordo renóvase cada ano e favorece que profesorado do corpo de mestres desenvolva as súas tarefas profesionais nos equipos específicos da ONCE, prestando apoio ao alumnado cego ou con discapacidade visual en educación primaria, primeiro e segundo da ESO e centros e unidades de educación especial.
Relacionadas:
-
Antonio Manuel, usuario dun can-guía: "Se nos queren axudar que nos falen, pero que non nos agarren"
Por Alejandro Espiño |
-
Francisco Barbeito e o Centro Educativo da ONCE, orgullosos co seu Premio Cidade de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
RADIO.- José Ángel Abraldes, director del CRE de la ONCE: "As novas tecnoloxías tamén adoecen de accesibilidade"
Por Marisa Ciordia |
-
Preto de 600 persoas asisten ao 75 aniversario do Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra
Por Redacción |