Sanidade inspecciona 411 piscinas de uso público na provincia para asegurar a calidade das augas
Por Redacción
A Xefatura Territorial en Pontevedra da Consellería de Sanidade está a levar a cabo a inspección, neste período estival, das psicinas de uso público e colectivo co obxectivo de garantir a calidade sanitaraia das augas.
Revísanse con esta campaña 411 piscinas, das que 110 son de uso continuo ao longo de todo o ano, mentres que 301 son de temporada. Os técnicos supervisan tamén o estado das instalacións e toman unha mostra de auga para analizar. En caso de que se incumpran os requisitos da normativa vixente abriríase un expediente sancionador ou mesmo a Xunta pode chegar a suspender a actividade no recinto.
Por este motivo, desde a Consellería de Sanidade, alertan de que para manter as piscinas é necesario limpar e desinfectar as instalacións de maneira periódica e realizar controis de cloro, ao menos dúas veces ao día.
Tamén deben realizarse controis mensuais da calidade da auga, dos que se extraen datos sobre a condutivididade, o pH e o amoníaco ou a concentración de desinfectante.
A cantidade de desinfectante nas piscinas non pode chegar a ser irritante para os ollos, a pel e as mucosas das persoas usuarias. Os produtos químicos deberán estar homologados polo Ministerio de Sanidade.
Tamén é necesaria a presenza dun socorrista exercendo unha vixilancia eficaz e o lugar debe contar cun sistema de seguridade que impida o acceso a menores fóra do horario de apertura.
A Dirección Xeral da Consellería de Sanidade tamén lembra aos usuarios das piscinas que é necesario ducharse cada vez que se introduzan na auga e amosar precaución á hora de realizar certas manobras, como lanzarse de cabeza a auga. Recomendan que se comprobe antes a profundidade e se hai outros bañistas na zona. Tamén recomenda o uso de chancletas ou de calzado especial e o gorro de natación. Por último, lembra que non está permitido comer, beber, fumar nas zonas de baño nin dexar desperdicios nos recintos.