Un accidente cun microbús e dous coches implicados causa importantes retencións na N-640 en Cuntis
Por Diego Espiño
Dúas persoas resultaron feridas este mércores nun aparatoso accidente de circulación no que se viron implicados dous turismos e un microbús.
O suceso tivo lugar pouco antes das 9:00 horas da mañá na N-640 en Cuntis, na entrada da localidade xunto ao polígono industrial da Ran.
Debido ao accidente, e a que tanto o microbús como os turismos quedaron ocupando a calzada, a estrada permaneceu cortada totalmente durante preto de 20 minutos, e permaneceu baixo restricións circulatorias durante máis de hora e media, causando importante retencións.
Segundo explicou desde Protección Civil de Cuntis, o choque produciuse cando un dos coches, un Citroen Xsara, que circulaba en dirección Caldas de Reis quixo realizar un xiro á esquerda na Pontenova e foi golpeado por detrás por outro coche, un Reanult Megane, invadindo o carril contrario e chocando contra un autobús que viña en dirección contraria.
No transporte colectivo viaxan sete ocupantes, ademais do condutor, resultando ferido un deles, que foi trasladado ao PAC de Caldas en primeira instancia e despois ao Hospital de Montecelo, en Pontevedra.
Ademais unha ocupante do Citroen Xsara, que viaxaba no asento do copiloto, resultou tamén ferida, sendo evacuada ao Hospital Miguel Domínguez da capital provincial.
No dispositivo de emerxencia mobilizado participaron, ademais de efectivos de Protección Civil de Cuntis e 061, axentes da Garda Civil de Tráfico.