Un operativo especial con 28 persoas velará pola seguridade de 123 fogueiras na capital
Por Redacción
Para que todos os veciños gocen desta noite máxica nas mellores condicións de seguridade, o Corpo de Bombeiros de Pontevedra porán en marcha un operativo especial na noite de San Xoán en colaboración cos voluntarios de Protección Civil.
Segundo informou o Concello nun comunicado, este operativo estará coordinado polo xefe de Bombeiros, Manuel Torres, que mantivo unha reunión operativa coa concelleira delegada do servizo, Carme da Silva, para ultimar todos os detalles.
Na noite de San Xoán traballarán 28 persoas: 16 bombeiros e 12 voluntarios de Protección Civil que serán distribuídos en oito grupos para atender a outras tantas áreas nas que esta noite estará dividido o concello.
Este dispositivo estará operativo dende a tarde ata as 2.00 horas, cando, segundo as previsións, queden de guardia oito bombeiros no parque da Barca. Pola tarde, os bombeiros farán traballos de prevención revisando a práctica maioría das fogueiras previstas no concello, especialmente aquelas que os bombeiros entendan que poidan ter maiores riscos. Dende as 23.30 horas, os oito equipos estarán distribuídos nas zonas que lle foron asignadas para controlar todo o territorio.
O número de fogueiras que poderán atender o servizo de seguridade dos bombeiros achegarase ás 130. Ata o venres foran recibidas 123 comunicacións de outras tantas fogueiras no concello. Os bombeiros atenderán todas as comunicacións presentadas por rexistro no Concello, aínda que estiveran presentadas fóra de prazo.
Ata o venres as fogueiras presentadas foron: 18 no centro urbano; 20 en Marcón; Alba, 5; Canicouva,1; Bora, 8; Cerponzóns, 3; Campañó, 9; Lérez, 7; Lourizán, 10; Mourente, 15; Pontesampaio, 2; Salcedo, 10; Verducido, 4; Santa María de Xeve, 3; e Santo André de Xeve, 4.