Aparatoso accidente con dúas mulleres feridas en Troáns, Cuntis
Por Diego Espiño
Dúas mulleres resultaron feridas este sábado nun aparatoso accidente de circulación en Cuntis.
O suceso tivo lugar pouco despois das 14:00 horas da tarde na estrada N-640 ao seu paso por Troáns.
As dúas persoas que resultaron feridas, nai e filla, viaxaban no único turismo implicado, un Renault Scenic, que saíu da vía impactando contra unha varanda de protección e un farol.
Segundo fontes dos servizos de emerxencia, a filla, que conducía o coche, sinalou que se tiña sentido indisposta antes de perder o control.
Ademais de Protección Civil de Cuntis, acudiron ao lugar efectivos da Garda Civil de Tráfico e do 061, que tras atender ás vítimas e axudar a saír do vehículo con seguridade á copiloto, trasladaron a ambas as dúas ao hospital pontevedrés de Montecelo.