A praia fluvial do Lérez abre a tempada de baño coa incorporación dun socorrista
Por Redacción
O verán pódese dar por inaugurado xa oficialmente na praia fluvial do Lérez. Dende este sábado 22 de xuño ábrese ao baño coa posta en marcha o servizo de socorrismo de 12.30 a 20.30 horas todos os días da semana.
Segundo informou o Concello de Pontevedra nun comunicado, o socorrista incorporado ao seu posto atenderá as urxencias que se poidan producir no areal ata o vindeiro 8 de setembro. ÿ un servizo habitual dende a inauguración do areal situado na estrada que vai ao barrio de Monte Porreiro.
Durante as últimas semanas a Concellaría de Medio Ambiente, que dirixe Anxos Riveiro, realizou diversas actuacións de mellora da praia para tela lista de cara ao verán. Entre os traballos que se realizaron atópase a limpeza do areal, o acondicionamento da zona verde, o arranxo ou substitución de mobiliario urbano e a achega de area para completar a praia.
Con estas actuacións, devolvéuselle á praia urbana (o término municipal conta con areais en Lourizán e no río Verdugo, en Pontesampaio) a súa mellor cara, logo do paso do inverno e das chuvias e as enchentes que fixeron bastante dano ao areal.
Agora "só hai que agardar a que o tempo acompañe" para que os bañistas empecen a ocupar o areal, matizan dende o Concello.