Os primeiros controis da tempada de baño cualifican as augas da praia fluvial do Lérez de "excelente"
Por Redacción
A calidade da auga na zona de baño da praia fluvial de Pontevedra é, a día de hoxe, "continental excelente", segundo a cualificación das análises realizadas pola Consellería de Sanidade.
O primeiro control realizouse antes da apertura oficial da tempada de baño, fixada dende o 1 de xuño ao 30 de setembro, pero Sanidade deberá efectuar outras nove análises máis, cada 15 días, durante estes meses para cumprir así a normativa europea ao respecto.
Esta cualificación de calidade supón un requisito indispensable se se pretende cumprir as esixencias para lograr a bandeira azul no areal fluvial, obxectivo marcado polo Concello para unha zona de baño urbana que conta xa con socorrista e diferentes servizos.
Segundo informa a Xunta de Galicia as zonas de baño do censo oficial da comunidade teñen unha cualificación permanente durante toda a tempada, calculada cos datos microbiolóxicos obtidos ao longo dos últimos catro anos.
Nos primeiros controis feitos públicos pola administración autonómica tamén está incluido o areal marítimo de Ponte Sampaio, que presenta unha calidade das augas "suficiente".