Rafa Domínguez vincula o peche de Uterqüe coa falta de apoio ao comercio local
Por Redacción
Para o PP, o peche da tenda de Uterqüe en Pontevedra, previsto para o próximo 31 de xullo, demostra que a cidade "perdeu atractivo" comercial para as grandes cadeas como Inditex. Esta situación, segundo Rafa Domínguez, acaba "prexudicando" tamén ao comercio local. Todo iso, engade, é froito da ausencia de medidas de apoio ao sector.
"Que unha tenda do grupo de Amancio Ortega decida que non é rendible estar na milla de ouro de Pontevedra é o claro reflexo de que o comercio non pasa o seu mellor momento", sinalou o portavoz popular.
Por todo iso, Domínguez considera imprescindible que o goberno local "póñase a traballar" para ofrecer "atractivos e facilidades" aos comerciantes, para axudar ao desenvolvemento e sustentabilidade do comercio local.
O líder do PP lembra que nesta materia o seu partido presentou un paquete de sete medidas que, entre outras cuestións, incluía unha rebaixa de impostos como o IBI ou a viñeta ou a posta en marcha de medidas relacionadas coa mobilidade próxima que permitisen achegar ao consumidor ao comercio local.
Para iso, os populares propoñían a implantación do transporte público urbano e a adhesión ao transporte metropolitano, aumentar o tempo de aparcamento en zona servizos de 15 a 30 minutos, crear e mellorar aparcamentos disuasorios ou potenciar os descontos en aparcadoiros.
Ademais, este paquete de medidas completábase coa formación gratuíta para as pequenas empresas, programas de emprendemento e posicionamento dixital, iniciativas de promoción e financiamento que permitan dinamizar as zonas comerciais ou a creación dun banco de baixos e dunha oficina do comerciante.