Uterqüe pecha a súa tenda de Pontevedra o próximo 31 de xullo
Por Alejandro Espiño
Pontevedra despídese dunha das marcas do grupo Inditex. A multinacional decidiu pechar a tenda de Uterqüe, a súa liña de zapatos e complementos para mulleres.
O seu actual establecemento, situado na céntrica rúa Benito Corbal, pechará as súas portas o próximo 31 de xullo, segundo confirmaron fontes sindicais.
Inditex comunicou, hai uns dez días, esta decisión ás seis traballadoras da tenda de Pontevedra. A intención inicial era despedir a todo o persoal sen posibilidade de recolocación dentro o grupo.
Con todo, finalmente non será así. As traballadoras, asesoradas por CIG Servizos, mantiveron unha reunión coa dirección de recursos humanos e, ante a ameaza de iniciar un calendario de protestas, a empresa ofreceulles un acordo.
Así, segundo esta central sindical, Uterqüe ofrecerá unha indemnización de 60 días por ano traballado, sen tope de mensualidades, para as traballadoras que acepten o despedimento.
As que non acepten estas condicións serán recolocadas na tenda que Uterqüe ten en Vigo ou, no caso de que non sexa posible, en calquera outra compañía do grupo Inditex.
Uterqüe, que actualmente ten máis de oitenta tendas en toda España, abriu o seu establecemento en Pontevedra en 2009.
Foi a oitava marca de Inditex en chegar á cidade e sumouse na coñecida milla de ouro a Zara, Zara Home, Pull and Bear, Massimo Dutti, Bershka, Stradivarius e Oysho. As outras dúas tendas do grupo, Kiddy's Class e Zara Home, están na rúa Peregrina.
Relacionadas:
-
Inditex pecha as súas tendas Bershka de Pontevedra e Vilagarcía e recoloca o persoal en Vigo
Por Natalia Puga & Manu Otero |
-
Rafa Domínguez vincula o peche de Uterqüe coa falta de apoio ao comercio local
Por Redacción |
-
Catro estudantes da Esdemga deseñan unha nova colección para Zara
Por Alejandro Espiño |