Ponte Caldelas celebra este venres o seu pleno organizativo para botar a andar o mandato
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas celebrará este venres, día 21, o seu pleno organizativo, no que asignará as retribucións correspondentes ás dedicacións exclusivas, as indemnizacións pola asistencia aos órganos colexiados, as dos grupos municipais e, finalmente, designará os representantes nas entidades supramunicipais.
O alcalde, Andrés Díaz, percibirá unha dedicación exclusiva por importe de 42.700 euros brutos anuais. Asemade, o grupo de goberno, integramente do PSdeG-PSOE, terá unha media dedicación exclusiva na concelleira Leticia Rocha, que percibirá outros 27.000 euros.Ningún dos membros do goberno local cobrará dietas ou gastos de desprazamento, continuando así xa coa liña emprendida por Andrés Díaz durante o pasado mandato.
As sesións plenarias de Ponte Caldelas seguirán celebrándose con periodicidade bimensual. Será un xoves, sen determinar cal, ás 20.00 horas, e, ademais, poderá cambiarse ao outro día en caso necesario. Gáñase así en axilidade ao tempo que, na mesma liña de austeridade, se minimiza o número de plenos extraordinarios.
Os asistentes á Xunta de Goberno local, exceptuando aos edís con dedicación, pasarán a cobrar 149 euros. As comisións informativas quedan reducidas á de Asuntos Xerais e á de Contas e suporán o cobro de 40 euros por asistencia. A comisión de Urbanismo desaparece ao non ser necesaria, pois os asuntos que van á Xunta de Goberno están a disposición inmediata de toda a Corporación a través da Sede Electrónica.
As comisións informativas quedarán constituídas con tres representantes do PSdeG-PSOE, un do PP e un do BNG.
Os grupos municipais terán unha asignación anual fixa de 1.000 euros e outros 200 euros adicionais ao ano por cada concelleiro.
O alcalde será o representante na mancomunidade turística Terras de Pontevedra e no Grupo de Desenvolvemento Rural GDR Pontevedra-Morrazo. En ámbolos dous casos queda como suplente o concelleiro José Manuel Martínez. Finalmente, os consellos escolares terán como representante municipal a Andrés Díaz (instituto), José Manuel Martínez (colexio da Reigosa), Aurora Garrido (colexio Cordo Boullosa) e Pilar Couto (escola infantil Galiña Azul).
Andrés Díaz, que hoxe presentou a proposta aos portavoces do PP, Antón Xil, e BNG, Lito Muíños, subliña que Ponte Caldelas aposta por unha liña de austeridade no goberno municipal, con salarios por debaixo da media, creación dun equipo de traballo para sacar adiante os asuntos municipais e dignificación da vida municipal con asignacións razoables aos concelleiros e aos grupos municipais. Ao mesmo tempo, subliña a transparencia da actuación municipal neste eido.
Relacionadas:
-
O PP e o BNG critican o custo do goberno local de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez |
-
Andrés Díaz seguirá como alcalde de Ponte Caldelas e co seu "estilo de portas abertas"
Por Oskar Viéitez |
-
Primeira xuntanza do novo goberno de Ponte Caldelas coa vista posta na estación termal e na atención ao rural
Por Redacción |
-
Andrés Díaz, "satisfeito e agradecido" polo apoio dos veciños de Ponte Caldelas ao seu proxecto
Por Alejandro Espiño |