Patrimonio autoriza a restauración da capela do cemiterio de San Amaro
Por Redacción
A capela situada no recinto do cemiterio de San Amaro ten vía libre para a súa restauración. Despois de meses co proxecto listo, pero sen permiso para poder actuar, acaba de chegar ao Concello de Pontevedra a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, dado que se trata dun ben protexido.
Segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra, unha vez superados os trámites con Patrimonio, está previsto que os traballos empezan este mesmo luns 10 de xuño.
Os traballos previstos e programados dende hai uns meses supoñen unha intervención que o Concello cualifica como "branda". O Concello realiza tarefas de mantemento e de restauración cando resulta necesario e agora detectouse que era necesaria esta mellora.
Suporá restaurar a cuberta do edificio, que será substituída para acabar coas goteiras actuais. Tamén se tratarán ás cerchas de madeira e se pintará o interior da capela.
O investimento é de 30.000 euros e a obra ten un prazo de execución dun mes, se o tempo acompaña, xa que boa parte dos traballos hai que realizalos no exterior e será necesario interrompelos en caso de choiva.
A Capela de San Amaro é, en realidade, a capela de San Mamede de Moldes. Trátase dunha construción de orixe románica que estaba situada no exterior do recinto en estado ruinoso e foi trasladada ao cemiterio de San Amaro na década dos sesenta e restaurada.
O camposanto de San Amaro, aberto en outubro de 1882, incorporou esta capela de San Mamede con motivo da súa primeira ampliación. Foi restaurada e nela oficiouse a primeira misa de Defuntos no ano 1967.