![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/51c029b8abc56-sam_5066.jpg)
CC BY-NC-ND PontevedraViva
O mozo detido por desobediencia ás portas de Tropicana, multado con 45 euros
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Diego Reboreda García, o mozo detido na madrugada do sábado ao domingo por desobediencia á Policía Nacional, deberá aboar unha multa de 45 euros pola súa conduta tras recoñecer ante a xuíz que se resistiu un pouquiño" a ser identificado polos axentes.
O mozo pontevedrés de 19 anos foi arrestado sobre as 00.30 da madrugada e permaneceu na Comisaría ata as 11.45 horas do domingo. Nos dous últimos días, defendeu a súa inocencia, indicou que foi agredido polos axentes que o detiveron e sinalou que a única explicación que encontraba a todo este incidente "é que me confundiron con outra persoa".
Este martes acudiu a un xuízo rápido nos xulgados da Parda e recoñeceu o resumo do atestado policial que lle leu a xuíza de Instrución número 3 de Pontevedra. O rapaz estaba no medio dunha concentración de xente á saída dunha festa privada que se celebrara na discoteca Tropicana de Benito Corbal. Nese momento, unha patrulla da Policía Nacional deulle o alto, pedíronlle identificación, non levaba enriba DNI e foi cando se sucederon os feitos que aparecen reflectidos no atestado policial e que el asumiu ante a sala: "le llevaban para identificarle y se resistió un poquito al agente de la autoridad".
Á vista dos feitos recoñecidos polo rapaz, o fiscal do caso cualificou os feitos de falta de desobediencia á autoridade e pediu que fose condenado a 15 días de multa a razón de tres euros diarios, isto iso, 45 días de multa. O mozo acepto a condena solicitada e o xuízo quedou visto para sentenza.
Diego Reboreda acudiu ao xulgado acompañado por un grupo de amigos que, segundo relataron nos corredores da Parda, presenciaron a detención. Nun principio, tiñan pensado acudir este mércores á Comisaría para presentar unha denuncia por agresión contra os axentes que o detiveron, pero tras o xuízo o propio acusado indicou a PontevedraViva que non seguirá adiante coa súa idea inicial.
Este cambio de plans por parte do mozo pontevedrés débese, segundo o seu ámbito próximo, a que queren pasar páxina e non seguir varios meses cun procedemento xudicial.