A Policía detén un mozo por desobediencia e el denúnciaos por agredilo durante o arresto
Por Redacción
Aínda non encontra explicación ao que pasou. Diego Reboreda, un mozo pontevedrés de 19 anos, confesa que sufriu un dos momentos máis duros da súa vida tras ser detido por axentes da Policía Nacional na noite do sábado ao domingo.
Segundo relata Diego, ás 00:30 saía do local Tropicana de Benito Corbal e, en compañía da súa noiva e doutros amigos, se dirixía cara á zona. Á altura do Gran Garaxe, un coche da Policía Nacional detense e os axentes solicítanlle a documentación. Ao non a portar, Diego sinala que o esposaron e o meteron dentro do vehículo sen darlle máis explicacións e sen que os seus compañeiros puidesen reaccionar. Unha versión que en absoluto coincide coa que emite a Comisaría de Pontevedra.
Segundo o relato do mozo "De camino a la comisaria pregunto el motivo de mi arresto, no me contestan, me gritan 'si soy subnormal' y soy abofeteado por una agente, me deja sangrando por la nariz dentro del coche. Aun me acusa de pegarle yo a ella con las manos esposadas".
Diego Reboreda denuncia que non lle foron lidos os seus dereitos e que non puido chamar a ninguén cando era metido no calabozo onde tivo que pedir un anaco de papel para "limpiar toda la sangre que tenía por el cuerpo, sobre todo en las manos". O detido solicitou entón un parte médico das lesións. Durante o traslado ao centro de saúde da Parda, o mozo indica que levaba as esposas "super apertadas" e que nunha das freadas se golpeou a cabeza contra o cristal.
Non obstante no centro, o médico sinala que a cara estaba queimada polo sol e que ten pequenas feridas no nariz. Despois é trasladado ao Hospital Montecelo e alí realizáronlle radiografías dos pulsos. O mozo indica que un dos axentes dicía del que "este tío está encocado o algo". Exaltado ante a situación, Diego Reboreda di aos policías "que ya llevarán su merecido por todo" e a continuación, relata que un dos axentes "se me acerca y me dice venga que te quito las esposas y ya lo haces ahora, se acercó y me las quitó, y me dijo 'venga dame'".
Xa de novo en comisaría, os axentes indícanlle que está acusado de "resistencia y oposición a la autoridad" e lle realizan as fotos de identificación. Diego era posto en liberdade ás 11:45 despois dunha noite de moita tensión que tardará en esquecer.
VERSIÿN DA POLICÍA
Pola súa banda, a Policía Nacional remitiu o informe dos feitos ao Xulgado no que se sinala que a patrulla policial acudiu porque había queixas veciñais por alboroto na entrada do Tropicana. Segundo se recolle no escrito, o mozo subía e baixaba da beirarrúa interrompendo o tráfico ata que os axentes decidiron identificalo por incorrer nun altercado da orde pública. Diego Reboreda non levaba o DNI e por iso foi obrigado a subir ao coche policial, momento no que o mozo comezou un forcexo con golpes.
Ao chegar á Comisaría sangraba polo nariz. Segundo os axentes, durante o traxecto, Diego intentou escaparse do coche e mostrouse moi violento. Unha vez que foi identificado na sede policial, acusóuselle de desobediencia e atentado a axente da autoridade. Nese momento, os axentes chamaron ao domicilio dos seus pais que, segundo fontes policiais, lles informaron de que non teñen constancia de consumo de drogas pero recoñecen que leva mostrándose dende hai un tempo moi agresivo. Segundo consta no atestado policial remitido ao xulgado, o mozo protagonizou, nos últimos meses, agresións á nai nas que non se presentou denuncia pero foi necesaria a mediación policial.
A familia do detido desminte completamente esta circunstancia.
XUÍZO RÁPIDO
Este martes 18 ten o xuízo rápido por resistencia á autoridade. Os seus amigos teñen previsto concentrarse na tarde deste luns ante a comisaría e repetir a concentración ante os xulgados antes da vista oral.
Diego Reboreda indicou a PontevedraViva que o mércores presentará unha denuncia por agresión contra os axentes que o detiveron na noite do sábado. E a única explicación que encontra a todo este incidente "es que me confundieron con otra persona".