O Hospital Provincial de Pontevedra busca doantes de leite materno
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Hospital Provincial de Pontevedra busca doantes para o Banco de leite materno. Trátase dun centro especializado onde o leite humano doado por nais seleccionadas recíbese, procésase, almacénase e distribúese entre nenos hospitalizados que non dispoñen de leite da súa nai, especialmente prematuros e nenos enfermos.
Con motivo do Día Mundial da Doazón de Leite Materno, celebrado este domingo 19 de maio, este luns compareceron en rolda de prensa o equipo de profesionais que se ocupa deste servizo coordinado pola neonatóloga Pilar Crespo e o pediatra Jose Manuel Martín.
Durante a súa intervención sinalaron que, na actualidade, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés dispón de 12 doantes activas de leite materno ás que agradeceron o seu altruísmo. Recolléronse desde outubro do pasado ano 36 litros de leite e uns 70 bebés prematuros recibiron estas doazóns, cos consecuentes beneficios para a súa saúde.
O pediatra Jose Manuel Martín destacou a importancia de contar con leite doado para que estes nenos póidanse desenvolver dunha maneira adecuada.
Os dous bancos de leite que hai en Galicia abriron en xuño do ano 2016, en Santiago e en Vigo, e desde setembro dese mesmo ano o Hospital Provincial de Pontevedra conta con leite doado. A partir de outubro do ano 2018 quedou establecida neste centro sanitario a recollida de leite doado das nais da área de Pontevedra.
A responsable deste servizo en Pontevedra explicou que pode ser doante calquera muller que estea a aleitar ao seu fillo satisfactoriamente, que estea sa, leve un estilo de vida saudable e ademais queira doar leite de maneira voluntaria e altruísta. Está contraindicada a doazón no caso de existir consumo de tóxicos (drogas, tabaco, alcol ou cafeína en exceso), a inxesta de certos medicamentos ou produtos de parafarmacia, algunhas infeccións, cirurxías ou transfusións de produtos recentes.
Unha vez que a lactación do seu fillo estea ben establecida, en xeral pasadas 3 ou 4 semanas desde o parto, xa é recomendable comezar a doazón, que non afecta á lactación do seu propio fillo, que non quedará sen leite aínda que estea a doar, ao contrario, o feito de que se extraia a lecha para doala aumentará a súa produción.
Tampouco hai que doar unha cantidade de leite mínimo, "hai mamás que doan 300 mililitros ata outras como Paula que leva 15 litros xa doados". Refírese a Paula Lomba que é "nosa mellor doante" e que empezou o pasado mes de marzo.
Para ser doante basta con acudir ao banco de Leite Humano para realizar unha entrevista no que a futura doante cubrirá e asinará unha enquisa de saúde e estilo de vida e un consentimento informado. Ademais pasará por unha análise de sangue para descartar infeccións como VIH, hepatite ou sífilis. "Eu a verdade é que o tiña súper claro desde o principio", comentou Paula.
Todas as doantes reciben información oral e escrita sobre a extracción, conservación e transporte do leite. A extracción pódese realizar en casa ou no hospital (no caso de ter ao fillo ingresado). O leite extraído conxelarase inmediatamente e almacenarase no domicilio ata un máximo de 15 días. O Banco de leite non dispón de servizo de recollida polo que han de ser as doantes as que a levan.
"Para mín é un orgullo axudar a outros bebés e ver que o meu leite vale para algo máis que alimentar ao meu fillo", concluíu Paula.
Relacionadas:
-
Unha "tetada láctea" nas Palmeiras concienciará sobre a importancia da lactancia materna en lugares públicos
Por Redacción |
-
Patuco de Honor para a Unidade de Neonatoloxía do Hospital Provincial
Por Redacción |
-
O persoal da Deputación xa pode facer uso das salas de lactación e de comedor
Por Redacción |
-
Reforzan as medidas para evitar que se fume no Hospital Provincial
Por Redacción |
-
Queres ser doante de leite materna? Coñece como podes axudar a neonatos e bebés enfermos no Hospital Provincial
Por Anxo Lourido |