O temor ao recorte nas pensións xunta un cento de manifestantes na convocatoria de UGT e CC.OO.
Por Anxo Lourido
"Isto son ás comunións que nos matan", Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT, xustificaba así, entre bromas, a escasa asistencia á manifestación convocada pola súa central sindical e por CC.OO. para reclamar unha Unión Europea máis social e máis democrática. A convocatoria realizouse nas principais cidades españolas. Pero en Pontevedra obtivo pouco seguimento. Pouco máis dun centenar.
José Luis García Pedrosa facía unha reflexión sobre este tipo de actos: "Facemos convocatorias en días que non son os máis axeitados" y añadía que la poca presencia de manifestantes "non responde tanto ao cansanzo senón á oportunidade". De feito, estes mesmos sindicatos tamén participan na convocatoria dunha manifestación en Santiago pola tarde en defensa do dereito ao aborto. Demasiadas marchas nun mesmo día. O secretario comarcal de CC.OO. entende que, en todo caso, este tipo de actos de protesta son necesarios para cambiar as políticas establecidas "os resultados inmediatos das mobilizacións non se ven de maneira inmediata e iso non anima á cidadanía. Hai descontento, fales con quen fales, incluso sectores amplos do partido do goberno están en contra das medidas pero para cambialas hai que saír á rúa".
Os manifestantes que percorreron o centro de Pontevedra para concentrarse despois ante a Subdelegación do Goberno móstranse, sobre todo, ameazados por un posible recorte das pensións: "Dereitos que estaban consolidados ou que non foran atacados pola banca como as pensións, o Goberno pretende darlle agora un golpe mortal para ser substituídas por pensións privadas", afirma García Pedrosa.
Ramón Vidal afondaba neste temor: "só queren promover plans de pensións privados que, ademais, non garanten que vaiamos ter pensións dignas senón que só garanten que os orzamentos públicos van ir derivados ao poder privado". E engade: "isto non ven de agora mesmo, xa dende o período de Aznar xa se intentou e agora volven a xustificar esta aberración cara o futuro".